marco
Compostela, 25/9/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
A consellaría denegou o ERE por considerar que non estaba xustificado

Concéntranse ante a Xoiería Cerqueiro en demanda da readmisión dos catro traballadores despedidos do taller

Os catro traballadores despedidos do taller de xoiería Cerqueiro concentráronse, este mércores 24 de setembro, diante da tenda que o empresario ten na Praza de Galiza de Compostela, apoiados pola CIG. Demandan a readmisión e o pagamento dos salarios que se lles adebedan.

Hai aproximadamente tres meses, o propietario do taller de xoiería Cerqueiro contactaba cos catro traballadores e máis coa CIG para negociar a proposta de presentación dun Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que consistiría en que, en diante, dous dos traballadores pasarían ao paro durante seis meses e logo serían recontratados para pasar ao paro os outros dous.

Tras estudiar a situación económica da empresa, CIG e traballadores concluíron que esta decisión non estaba xustificada e rexeitaron a proposta. Porén, o empresario mantivo a súa decisión e presentou igualmente o ERE á consellaría de Traballo, que tampouco o aceptou.

Malia iso, o pasado luns 22 de setembro os catro traballadores recibían unha carta de despedimento e a comunicación do empresario de que non tiña cartos para afrontar a falta de preaviso, as indemnizacións por despedimento nin o pagamento dos salarios deste mes.

O taller de Cerqueiro leva 18 anos funcionando con total normalidade, sen problema económico algún, cumprindo o convenio e sen que, en todo ese tempo, se produciran atrasos nos pagamentos das nóminas, pagas extra... Agora os traballadores non lles queda outra que mobilizarse para reclamar os seus dereitos e a readmisión nos postos de traballo.