marco
Compostela, 26/6/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
‘No sé si se lo escribe su hijo de 2 años o es algún dialecto con el que hablan ustedes en su aldea’

A Mesa denuncia discriminación lingüística en Navantia

A Mesa pola Normalización Lingüística deu a coñecer un novo caso de discriminación motivado polo uso do galego no ámbito laboral. Na empresa pública de Navantia, un traballador foi recriminado ofensivamente polos servizos informáticos por escribir os seus correos electrónicos en galego: “No sé si se lo escribe su hijo de 2 años o es algún dialecto con el que hablan ustedes en su aldea”.

O comité de empresa de Navantia en Ferrol puxo tal situación en coñecemento da dirección ao pouco de se producir esta situación, a comezos de maio, mais transcorrido mes e medio non houbo ningunha medida, motivo polo cal A Mesa porá en coñecemento dos grupos parlamentares esta situación.

O traballador afectado, Carlos Outeiro, cualificou a resposta recibida de “exabrupto que vai alén do nivel individual, xa que eu non coñecía a esta persoa de nada” e lamentou “o mutismo de Navantia, polo que se entende que asume por pasiva o acontecido e que non lles preocupa facer nada para que este tipo de cousas non volvan suceder”.

Horas despois da comparecencia pública e pola importante repercusión que obtivo nos medios de comunicación, tanto galegos como a nivel de Estado, un portavoz oficial de Navantia asegurou que a traballadora que asinou ese escrito foi amoestada verbalmente.

O portavoz da CIG na factoría ferrolá de Navantia, Manuel Grandal, lembrou ademais que nesta empresa pública a discriminación lingüística máis xeneralizada é a ausencia total do galego na documentación ou nas sinalizacións. “Mesmo ten máis presenza o inglés que a lingua propia de Galiza”, denunciou.

O presidente da Mesa, Carlos Callón, puxo o acento en que “ningunha empresa pode tolerar unha discriminación lingüística e menos tratándose dunha empresa pública, como é o caso”. Ademais, puxo en evidencia que non se trata do primeiro caso dado a coñecer neste ano 2008 de ofensa a un traballador por utilizar o galego. “¡Burra! ¡No hables lenguas menores!”, “¿Y si se te escapa algo en gallego?” ou “No sé si se lo escribe su hijo de 2 años o es algún dialecto con el que hablan ustedes en su aldea” parecen, ao seu entender, “sacadas dunha colección dos horrores ou de volumes antigos dunha hemeroteca, cando o galego carecía de todo recoñecemento oficial, mais a verdade é que son todas deste mesmo ano en que estamos”.

Os traballadores e as traballadoras non poden usar o galego para comunicarse co servizo informático de Navantia?

A empresa Navantia organiza a resolución de distintas problemáticas informáticas a través dun Servizo informático (Helpdesk) de atención aos usuarios, na que calquera traballador envía un correo electrónico explicando o seu problema para a súa resolución por control remoto ou enviando unha persoa ao posto de traballo do usuario.

Cando o posto de traballo do usuario fica en Ferrol este correo electrónico é recepcionado no Departamento Informático de Ferrol o cal pode resolver a incidencia ou enviala ás oficinas centrais (Madrid) en función do tipo de incidencia. No caso que nos ocupa o usuario fica en Ferrol e a solicitude foi reencamiñada a Madrid sen coñecemento do usuario. A referencia que se fai a “Necora” é a unha aplicación informática para a cal se requere autorización de acceso. O cruzamento de correos electrónicos foi:

Usuario: Non podo acceder ao Necora por me dar erro na autentificación.

Helpdesk: Como no se explique usted mejor, no le vamos poder solucionar nada. María Jesús.

Usuario: Estimada María Jesús: Cómpreme dispor de acceso á aplicación Necora mais non podo acceder após de introducir o meu nº do documento de identidade e a clave de acceso que viña utilizando. A mensaxe que aparece é: “Autentificación de usuario fallida” Un saúdo, Carlos Outeiro.

Helpdesk: Perdone mi torpeza, pero solo entiendo Necora y todavía no sé cuando le sale el error “Autentificación de usuario fallida” (supongo que es un error ¿no?). El resto de su escrito no se si se lo escribe su hijo de 2 años o es algún dialecto con el que hablan ustedes en su aldea. En cualquier caso, no nos haga perder más tiempo, sobre todo, si realmente tiene algún problema. María Jesús.