marco
Compostela, 26/6/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Anuncian unha campaña de mobilizacións contra a precariedade laboral

CIG-Correos denuncia irregularidades nas contratacións e anuncia que pedirá á fiscalía que actúe

Redución de persoal, salarios indecentes, precariedade laboral, procesos de contratación irregulares e redución do servizo de reparto coa aplicación do decreto polo que se crean os chamados ‘contornos especiais’. Así retrata CIG-Correos a situación laboral e a calidade do servizo desta entidade. Por iso vén de anunciar unha campaña de mobilizacións que se iniciou este mesmo xoves cunha concentración diante das dependencias que Correos ten en Compostela, neste caso, para denunciar o escurantismo nas contratacións de persoal eventual.

Correos conta en Galiza cun cadro de persoal de 4.500 traballadores e traballadoras, dos cales 2.200 son funcionarios e 2.300 son persoal laboral fixo e eventual. Ese é o cómputo global pero nos últimos anos, e segundo denuncia CIG-Correos, a redución de persoal é unha constante, xa que a entidade vén suprimindo postos de traballo nos distintos departamentos de forma continuada. “Primeiro foron os servizos de mantemento, logo os servizos de limpeza, despois centralizáronse servizos como administrativos, habilitación e outros en Galiza, coa conseguinte redución de cadro de persoal. Xunto a iso, tamén se enviou a persoal a Madrid, a onde foron trasladados a maioría dos servizos telegráficos”.

A redución de persoal en clasificación e en reparto tamén é sistemática e tampouco se cobren a maioría das baixas nin por enfermidade, nin por permisos ou licencias.

Para a CIG-Correos, a esta situación chégase porque a Dirección de Correos optou por unha política de aforro en materia de persoal sen importarlle a calidade do servizo que lle están a dar aos cidadáns, eludindo así a súa obriga de repartir como mínimo cinco días á semana, como se recolle na lei. “Esquécense de que isto é un servizo público costeado con cartos públicos” subliñan.

Porén, mentres manteñen en materia de persoal unha política de aforro, este criterio non se aplica noutros eidos da xestión. De feito, Xosé Blanco, responsábel nacional de CIG-Correos denuncia que a entidade está a mercar ou alugar locais sen as debidas garantías. “Locais que logo permanecen pechados tres ou catro anos antes de poder ser ocupados, por falta de licencia ou por outros problemas semellantes. Atopámonos mesmo con casos como que nunha localidade teña tres locais e só un en servizo. Hainos que foron adquiridos a prezo superior ao de mercado”, explica engadindo que esa mesma política de despilfarro se constata nos gastos destinados á participación en eventos e celebracións. É o caso da Expo, onde a entidade pretende reunir a máis de 500 traballadores co único obxectivo de “saír na foto” denuncian.

Alén do recorte de gastos en materia de persoal, para CIG-Correso é especialmente preocupante a política de contratación que se está a seguir “contratando a amigos dos xefes sen respectar a normativa existente nesta materia, sen información ás organizacións sindicais e conculcando o estabelecido no Estatuto dos Traballadores, nos artigos 62 e 64, que obriga á empresa a informar aos comités e aos delegados sindicais” asegura Blanco.

Fronte a isto denuncian as condicións laborais ás que se está a someter aos traballadores, que por unha baixa de dez días ven como se descontan das súas nóminas até 200 euros durante máis de catro meses. “E estamos a falar de traballadores e traballadoras que teñen uns salarios de entre 800 e 1.200 euros ao mes”, matiza o responsábel nacional de CIG-Correos.

A situación do persoal do rural é aínda máis grave xa que ten a obriga de aportar vehículo, pero por este concepto –carburantes, mantemento, seguro e amortización- só recibe unha indemnización de 22 céntimos por quilómetro. Malia o incremento dos prezos dos carburantes nun 40% no último período, estes traballadores/as só conseguiron que se lles aplicara, por aportación de vehículo un 2% en 2007 e outro 2% en 2008. Ademais, Correos non está disposto a aumentar esta cantidade argüíndo que foi o acordado no convenio colectivo, asinado polos sindicatos estatais, que non se renegociará até o ano 2009.

Xunto a isto está o reiterado incumprimento, en moitas vilas, da Lei Postal, que obriga a realizar o reparto da correspondencia como mínimo cinco días á semana. CIG-Correos, xa se ten mobilizado por este motivo en vilas como Ames, onde se chega repartir o correo cada catro días. A entidade mantén o mesmo cadro de persoal de reparto malia terse multiplicado o número de habitantes.

Contornos especiais

Correos segue a facer os estudios necesarios para a aplicación dos contornos especiais, previstos no Real Decreto 503/2007 que estabelece os denominados ‘contornos especiais’, que posibilita que non se reparta a correspondencia porta por porta como se vén facendo até o momento. CIG-Correos xa denunciara as graves consecuencias que terá a aplicación desta medida para o rural galego. “Vai marxinar aos habitantes dos pequenos pobos con respecto aos que viven nas cidades e vilas, vai provocar unha redución duns 400 carteiros rurais, segundo os nosos cálculos e mesmo vai pór en perigo a garantía de confidencialidade e de protección de datos ao pasar a distribuír o correo postal en buzóns pluridomiciliarios”, aseguran.

Por todo iso comezarán con novas mobilizacións. A primeira tivo lugar este xoves 26 de xuño diante das dependencias da entidade na Rúa Pitelos de Compostela. A comezos de xullo, o mércores día 2, concentraranse diante da Delegación do Goberno na Coruña e xa adiantaron que porán en coñecemento da fiscalía as irregularidades detectadas en materia de contratación, para que esta actúe. Tamén fixeron un chamamento aos grupos no Congreso dos Deputados para que exixan que se clarifique a situación desta entidade de carácter público. En todo caso, consideran que o que urxe é a súa transferencia á Xunta de Galiza, para que se garanta o servizo postal universal atendendo as características do noso país.