marco
Compostela, 26/6/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Alerta de que prácticas semellantes tamén se estan a dar no servizo doméstico

O Departamento de Migración da CIG manifesta a súa satisfacción polo desmantelamento dunha mafia de inmigración en Compostela

Tras facerse públicas, o pasado día 24 de xuño, as detencións de 17 persoas, a meirande parte delas empresarios da comarca de Compostela, relacionadas con delictos de estafa ou de explotación laboral de inmigrantes marroquís, a CIG, a través do seu Departamento de Migración quere facer pública a súa máis enérxica condena e anunciar que continuará a pular por un sistema normalizado de contratación legal.

Desde o departamento de Migración da CIG manifestan que esta situación, que vén de facerse pública, non é un caso illado, senón que existen tamén casos semellantes en sectores como a Construcción e o Sector Forestal, onde as persoas inmigrantes chegan pagar até a cifra dos dez mil euros por conseguir que se regularice a súa situación administrativa.

Ademais, a CIG exixe un maior esforzo e celo da Inspección de Traballo para que estas situacións desaparezan, xa que é unha economía somerxida que se está dando de continuo nun “mercado de papeis”.

Por outra parte, a CIG alerta de que o Continxente Migratorio non está a resolver a entrada regularizada de inmigrantes estranxeiros/as, e de feito, o mesmo que ten acontecido cos magrebís está a acontecer tamén no Sector do Servizo Doméstico, no que as mulleres traballadoras inmigrantes son sometidas a situacións de silencio, a condicións laborais excesivas, con salarios por baixo do SMI, e mesmo baixo a ameaza dalgunhas ONGs que as traen, colaborando coa Administración Central, de que “se non se portan ben, serán deportadas inmediatamente”.