marco
Compostela, 26/6/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Consideran indignante que Touriño diga estar preocupado polo emprego feminino pero as ignore

O Presidente da Xunta segue sen actuar no despedimento das traballadoras de Galicia Dixital

As traballadoras de Galicia Dixital volveron a concentrarse diante das instalacións desta exposición permanente, na Praza da Inmaculada en Compostela para, posteriormente marchar cara o edificio administrativo da Xunta de Galiza en San Caetano. Denuncian que a concesionaria depende da Secretaría Xeral de Comunicación, que a súa vez depende de Presidencia, pero que Touriño, máis alá de utilizar o tema do emprego feminino nos discursos non fai esforzo algún por solucionar a súa situación.

Este conflito iniciouse o pasado 10 de maio, cando lle adxudicaron a TELECYL S.A. a concesión da exposición permanente Galicia Dixital, e esta non quixo facerse cargo do persoal, tal e como viñan facendo as empresas anteriores (tres). Isto supuxo o despedimento de 11 traballadores (10 mulleres e 1 home) despois de 8 anos desenvolvendo o seu labor nos mesmos postos de traballo.

Desde aquel día iniciouse unha campaña de mobilizacións diarias en todos os actos do Presidente da Xunta para denunciar publicamente a precariedade laboral, non só desta contrata, senón de todas as que traballan para a administración pública.

Roberto Alonso, secretario comarcal da federación de Servizos da CIG sinala que para esta federación “é sorprendente a duración deste conflito, máxime cando xa se ten pronunciado en diferentes actos o Presidente da Xunta asegurando que se estaba buscando unha solución a este problema”.

Alonso subliña que máis sorprendente é “a adxudicación deste servizo a unha empresa como TELECYL S.A. completamente descoñecida, que non ten infraestructura ningunha no noso País non habendo ningún responsable da empresa con quen poder falar e sobre todo que non haxa ningún encargado/a de dita empresa na Exposición polo que segundo diferentes informacións que temos, realmente quen está xestionando o funcionamento de dita Exposición é outra empresa”.

Roberto Alonso, considera ademais insultante que o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, afirmara que a súa preocupación é “esa muller que perdeu onte o seu emprego”, cando ten unha contrata (de Valladolid) da cal foron despedidas 11 persoas, 10 delas mulleres, e a día de hoxe aínda non foi quen de arranxar o conflito”.