Pasadas as oito e media da tarde daba comezo o pleno do concello de Vilanova de Arousa no que ía ser debatida unha moción presentada polas traballadoras da conserveira Pérez Lafuente, na que se solicitaba do concello que "inste á empresa para que se inicie un diálogo con estas delegadas de persoal, co fin de conquerir unha situación de normalidade en canto ás relacións laborais, así como un plan de futuro para a continuidade da factoría en Vilanova de Arousa sen recorte de postos de traballo e con traballo efectivo para os actuais".
Moción presentada pola delegada
A moción das traballadoras foi presentada por Josefa Martínez, delegada da CIG en Pérez Lafuente. Neste texto, aprobado por PP, PSOE e BNG, comprométense a "opoñerse a calquera operación especulativa, das instalacións ou dos terreos que ocupan, si se dera o caso, por parte dos propietarios da mesma".
Comisión de seguimento
Ademais, e pola proposta do grupo municipal do BNG, aprobouse a constitución dunha comisión de seguimento, para avaliar e seguir moi de perto a situación desta conserveira e das súas traballadoras.
O xoves 29 de maio terá lugar a xuntanza na Delegación de Traballo, e coa Inspección en Vigo, nun acto de mediación coa empresa e as traballadoras.
As traballadoras fixeron unha avaliación positiva do apoio do concello, mais tamén agardan que "se concreten en actuacións e que se resolva o noso conflito". Para isto, esta semana é decisiva para as traballadoras, porque de non producirse avanzos convocarían unha folga indefinida na conserveira