A campaña, que dá continuidade á posta en marcha o Primeiro de Maio baixo o lema “Por outro modelo socioeconómico xusto e sustentábel”, desenvolverase fundamentalmente a partir do próximo mes de setembro con asembleas de delgados/as en todas as comarcas e nos principais centros de traballo e desembocará en manifestacións comarcais na primeira quincena de novembro. A CIG baralla a posibilidade de convocar unha gran manifestación nacional a principios de decembro, pendente de ratificar na xuntanza do secretariado.
Así o anunciou o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, quen ademais presentou o documento no que se recollen as ideas que van centrar esta campaña. Un documento o que se analizan as causas que teñen provocado a actual situación de crise económica e que, en esencia, son consecuencia das políticas económicas aplicadas a nivel mundial por mor da asunción do capitalismo neoliberal.
Un modelo, explicou, baseado “na especulación fronte ao capital produtivo e orientado a maximizar a taxa de ganancia nun prazo moi curto de tempo”, do que se deriva a precarización das condicións de traballo, o recorte dos salarios, que teñen cada vez menos peso no PIB e o consecuente empeoramento das condicións de vida das e dos traballadores e a aplicación dun sistema impositivo cada vez máis regresivo.
“O que está a provocar este sistema é que unha parte importante da poboación perde poder adquisitivo ao tempo que se acumulan grandes fortunas. Un modelo que hai que denunciar porque é claramente inxusto para a maioría social e que favorece a concentración de capital en cada vez menos mans” engadiu.
Seixo alertou tamén de que a crise, que xa se está a notar no descenso do crecemento económico e que segundo explicou se vai agudizar, vai provocar en breve “a presentación de suspensión de pagos de empresas e un incremento do desemprego”, tanto directo, polo que se perda en Galiza, como indirecto, polo retorno das traballadoras e traballadores que tiveron que emigrar e que se verán obrigados a regresar.
Alternativas da CIG
Suso Seixo defendeu a necesidade de camiñar cara un modelo socioeconómico alternativo “máis xusto” e lembrou que a CIG se ten pronunciado nos seus congresos a prol do socialismo do que dixo que “para nós segue a estar vixente”, matizando que “somos conscientes de que os tempos no son favorábeis”. Por iso a CIG acordou defender unha serie de alternativas “para o momento e que se poden aplicar xa, tendo en conta as actuais condicións históricas”.
Respecto da negociación colectiva incidiu na necesidade de defender o poder adquisitivo dos salarios e garantir a estabilidade no emprego. Para rematar cos altos índices de temporalidade que existen, a CIG exixirá que se aplique estritamente o principio da causalidade, fronte ás actuais políticas de subvención á contratación, que até o de agora só serviron para “trasladar miles de millóns de euros ás empresas, que así incrementaron beneficios, sen que iso teña repercutido realmente no descenso da temporalidade”.
Neste apartado, o secretario xeral da CIG criticou duramente a Directiva de Tempo de Traballo, que pretende o incremento da xornada laboral legal das 48 ás 65 horas “bastante sorprendente cando nos pretenden vender unha Europa social e logo promoven unha medida que vai precarizar moito máis as condicións laborais”.
A CIG tamén demandará do Goberno central e da Xunta de Galiza que actúen como axentes económicos, ben promovendo a creación de emprego público, ben creando as condicións para que se desenvolva a economía produtiva, nomeadamente a industria.
En materia social Seixo salientou a necesidade de que se promova a vivenda de protección oficial e que se implante un salario social, máis agora que vai a haber unha importante perda de emprego e é imprescindíbel que se garantan unhas condicións mínimas.
En materia fiscal, alén de denunciar o actual sistema, de carácter regresivo e as medidas propostas polo goberno –eliminación do imposto sobre o patrimonio ou redución do imposto de sociedades, entre outros- que inciden aínda máis nese modelo, propuxo ir cara un sistema progresivo, no que se grave máis a quen máis ten.
En materia económica, demandou a potenciación dos sectores produtivos e a modificación da Lei de Caixas, para que estas entidades estean obrigadas a ter un maior compromiso co tecido produtivo e que se impliquen realmete no desenvolvemento económico do país.
Suso Seixo reclamou ademais a plena soberanía de Galiza e a transferencia de toda unha serie de competencias para que Galiza poida tomar decisións en materia económica, fiscal, social, cultural, industrial... “non só por razóns ideolóxicas, como nacionalistas que somos, senón tamén porque temos o firme convencemento de que é unha necesidade. Cada vez o poder e a toma de decisións en materia económica, fiscal... está en mans de institucións de carácter internacional, alleas ao control das organizacións sociais e da cidadanía en xeral, de onde saen políticas de orientación claramente neoliberal que temos que contrarrestar”.
O secretario xeral da CIG tamén cuestionou as medidas propostas polo Presidente do Goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero, e o propio foro onde foron presentadas, o CES, na vez d efacelo no Congreso. “Un acto de propaganda e oportunista onde Zapatero estaba arroupado polas organizacións empresariais e sindicais sen dar opción a responder”. Seixo considerou ademais que non se trata de medidas de carácter estrutural que vaian mudar o actual modelo, baseado na especulación e no sector inmobiliario. “Quérese aproveitar esta situación para levar adiante medidas liberalizadoras e privatizadoras” afondando aínda máis no neoliberalismo.
DOCUMENTO:
A CRISE ECONÓMICA: RAZÓNS E ALTERNATIVAS
De novo estamos a vivir unha crise económica a nivel mundial que, segundo moitos analistas, é a máis profunda das últimas décadas. Esta crise económica emerxe a nivel mundial a raíz da crise financeira en EEUU provocada pola suba dos xuros e o conseguinte número de impagados en créditos e hipotecas que iso provocou, especialmente nas chamadas hipotecas de alto risco (a xuros moi altos e feitas con persoas insolventes, sen garantías salariais ou patrimoniais suficientes). Estas hipotecas foron convertidas nun produto financeiro máis nos mercados bancarios e interbancarios e postas a circular por todo o mundo, o que provocou que a crise do sistema financeiro en EEUU hoxe estea espallada a escala mundial, sen que se coñeza con exactitude a súa dimensión real.
O que comezou como unha crise do sistema financeiro, tense trasladado ao sistema produtivo, á economía real, a través da crise inmobiliaria, da crise na construción e en todos os sectores que dependen dela. Hai que agardar pois que a mesma teña especiais consecuencias tanto no Estado Español como en Galiza, dado o elevado peso do sector da construcción de vivendas no modelo produtivo polo que optaron nos últimos anos os diferentes gobernos de España e de Galiza.
A perda importante de postos de traballo que se vai dar en todo o mundo, como consecuencia da crise, en Galiza ímola sufrir dobremente pois aos traballadores e traballadoras que perdan o emprego dentro do país imos ter que sumarlles aqueles outros que colleron o camiño da emigración e que posibelmente retornen ao perderen o seu posto de traballo nos países nos que estean a traballar hoxe.
Esta crise económica xa se está a manifestar en feitos como: o baixo crecemento económico, a suspensión de pagamentos e o peche de numerosas empresas, o incremento do desemprego, a alza dos prezos, a suba das hipotecas, o aumento do número de impagados, etc. Toda esta situación pon de manifesto que as bondades sobre a creación de emprego das medidas adoptadas no Acordo polo Emprego, pactado nas chamadas Mesas para o Diálogo Social en Galiza, non son tales, como xa denunciou a CIG no se momento, senón que a creación de emprego era froito das altas taxas de crecemento económico e non de medidas estruturais que estivesen favorecendo o desenvolvemento do tecido produtivo galego, como no seu momento demandamos desde a CIG.
O sistema económico capitalista neoliberal
Esta crise económica é produto dun sistema económico neoliberal, hexemónico no mundo desde principios da década dos oitenta, que asentou o seu crecemento, non con base na xeración de rendas e ingresos, senón no consumo a crédito, o que provocou un masivo endebedamento da poboación en xeral, especialmente naqueles países que máis optaron por este modelo. Galiza tampouco quedou á marxe do mesmo, pois, aínda que é certo que tradicionalmente fomos unha economía aforradora, non é menos certo que nos últimos anos deixamos de selo e pasamos a ser unha economía que tamén tirou do consumo con base no crédito e no endebedamento.
O modelo económico neoliberal, como todo modelo capitalista, busca maximizar a taxa de beneficio, no prazo de tempo máis curto posíbel, a costa da sobreexplotación da clase traballadora e de roubarlles o excedente, a súa riqueza, a moitos dos países do chamado terceiro mundo. Este modelo é o responsábel:
Estamos a falar pois dun sistema económico inxusto, desde o punto de vista da maioría social, que xera grandes desigualdades sociais, a formación de grandes fortunas e a acumulación da riqueza en poucas mans, mentres condena a millóns de seres humanos a viviren na miseria e a morreren de fame ou de enfermidades hoxe perfectamente curábeis. Trátase pois dun modelo económico que non serve aos intereses da clase traballadora nin da humanidade en xeral.
Temos que loitar por un modelo socioeconómico novo. Hai que redefinir o modelo de acumulación e quen ten que ser o beneficiario desta. Son cada vez máis os movementos sociais e forzas políticas que en diversas partes do mundo propugnan a necesidade de cambios estruturais profundos que senten as bases do novo socialismo do século XXI. Desde a CIG identificámonos programaticamente con esta tendencia, na busca dun modelo social e económico xusto e solidario, que sirva realmente aos intereses da clase traballadora galega en contraposición ao actual modelo económico de capitalismo neoliberal.
En calquera caso, e mentres as circunstancias históricas non nos permiten á clase traballadora facer eses cambios estruturais profundos, temos que traballar e demandar dos gobernos medidas políticas, en materia económica, social e laboral, que impidan que o neoliberalismo supere a súa crise a custo unha vez máis da clase traballadora. Hoxe, o capital financeiro xa está a trasladar esta crise ao pobo pola vía de xerar dúas novas burbullas, a dos prezos do petróleo e a das materias primas, especialmente os cereais, co conseguinte incremento de forma totalmente desproporcionada do prezo do combustíbel e dos alimentos e de todo o derivado destes.
As nosas alternativas para este momento
Temos que manter a loita sindical, política e ideolóxica a todos os niveis. Hai que ofrecer alternativas e promover accións, mobilizacións e reivindicacións que fagan posíbel que esta crise do modelo económico hoxe imperante no mundo se salde de forma favorábel á clase traballadora galega e a todas as traballadoras e traballadores do planeta.
Para iso desde a CIG propomos, no ámbito do espazo político no que nos movemos, levar adiante as seguintes medidas:
Negociación colectiva
Emprego
Sociais
Fiscais
Económicas e industriais
Autogoberno
Neste momento de crise económica é tempo tamén de reflexión para que Galiza, o pobo galego, vexa como pode superar e saír fortalecido desta crise como país. Galiza necesita autogobernarse, ter soberanía política, ten que exixir polo tanto do Goberno Central a transferencia de competencias que lle permitan facer fronte a todas as políticas neoliberais que saen do parlamento español ou da UE e poder facer políticas económicas, sociais, laborais ou culturais, en función dos intereses das clases populares galegas e do seu benestar social e económico. Necesitamos pois gañar en soberanía política se queremos superar a penosa situación de dependencia que hoxe padecemos e que tan negativa resulta para o noso desenvolvemento e benestar. Temos que dotarnos de mecanismos de defensa fronte ás políticas neoliberais deseñadas en institucións políticas e financeiras supranacionais controladas polo capital transnacional.
Reclamamos pois para Galiza a transferencia de competencias plenas nas seguintes materias :
Campaña
Con esta avaliación e alternativas fronte á crise económica, desde a CIG pomos en marcha unha campaña de conscienciación, exixencias e mobilización que manteremos durante o que resta de ano e polo tempo que as circunstancias o requiran. Para esta campaña agardamos contar co apoio e compromiso da clase traballadora galega, así como coa colaboración de todo o Movemento Nacionalista Galego ao cal queremos facer partícipe da mesma.