marco
A Coruña, 27/6/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Galiza non terá un marco de negociación propio e diferenciado

MARTINSA – FADESA e Consellaría de Traballo pactan 60 despedimentos en A Coruña e CCOO consínteos

MARTINSA-FADESA anuncioulles aos representantes sindicais e membros do comité de empresa en A Coruña que despedirá 60 traballadores na cidade, a mesma cifra que pactara semanas atrás coa Consellaría de Traballo. CCOO, sindicato maioritario no comité, consinte este plan, do mesmo xeito que a pretensión da empresa de trasladar a Madrid a mesa de negociación sen que nesta teñan un papel propio os representantes do cadro de persoal de A Coruña.
Concentración dos empregados de MARTINSA-FADESA diante do hotel coruñés onde se reuniu a Xunta Xeral de Accionistas da inmobiliaria (27-06-2008)

A CIG non admite os 60 despedimentos proxectados en A Coruña, pois os traballadores da inmobiliaria na cidade xa pagaron con creces as reestruturacións do persoal emprendidas neste último ano e medio pola inmobiliaria. Desde que Fernando Martín adquiriu FADESA a Manuel Jove, máis do 50% do persoal perdeu o seu traballo, o que representa uns 200 empregados. Por tanto, a central nacionalista non tolera que se produzan máis baixas en A Coruña.

Paulo Carril, secretario comarcal da CIG, lamenta que a Consellaría de Traballo negociase unha redución de emprego en A Coruña de costas ao comité e sindicatos e que, por riba, avalase que a inmobiliaria pretenda despedir 60 empregados.

A CIG critica a Consellaría de Traballo e CCOO por contravir a decisión unánime adoptada polos representantes dos empregados o 17 de xuño, que manifestaba que só o comité de empresa de A Coruña sería exclusivamente quen debese negociar e acordar as medidas que afectasen os traballadores que representan.

A mesa de negociación será en Madrid, decisión que foi avalada por Traballo e por CCOO. Mais, nese foro de diálogo, os representantes de A Coruña non terán un trato propio, a pesar de que o centro de traballo de A Coruña foi onde máis postos se perderon ou de tratarse a cidade do lugar onde naceu a inmobiliaria.

Por outra banda, a mesa de negociación estará conformada, pola parte social, por nove persoas. Desta cifra tan só catro postos estarán reservados a representantes do comité de A Coruña, mentres que os cinco restantes serán empregados do resto do Estado que non foron elixidos nun proceso de eleccións sindicais, cuestión que para a CIG é de dubidosa legalidade.

Concentración coincidindo coa Xunta Xeral de Accionistas

Traballadores de sede coruñesa de MARTINSA-FADESA manifestáronse o 27 de xuño ás portas do hotel no que se estaba a celebrar a Xunta Xeral de Accionistas da inmobiliaria. Ese mesmo día, o cadro de persoal secundou un paro de tres horas.