Aos Xulgados de Ferrol, onde se presentou a querela, acudiron en representación da CIG, Xavier Aboi, responsábel nacional do sector de Mar, o avogado Guillermo Presa e Alexandre Romero, da FGAMT-CIG de Ferrol.
A denuncia vai dirixida contra sete altos cargos da Mariña Mercante, dependente do Ministerio de Fomento, e contra os presidentes das empresas HELICSA e REAMASA:
Aboi explicou que a CIG presentou a querela por respecto aos mariñeiros mortos e aos sobreviventes e para que se depuren responsabilidades políticas pola actuación neglixente da Administración do Estado e das empresas HELICSA e REMASA no naufraxio do “Cordero”. Varios dos cargos denunciados xa ocupaban responsabilidades durante a crise do Prestige, baixo o último mandato de José María Aznar no Goberno español.
O responsábel do sector do Mar salientou que a denuncia vai dirixida contra os responsábeis políticos e non contra os traballadores de Salvamento. A CIG en ningún momento dubidou da profesionalidade destes e recoñece o seu labor encomiábel, pois arriscan constantemente a súa vida nas operacións de rescate. Aboi saíu ao paso deste xeito das declaracións de Ismael Rego, portavoz do PSOE no Hórreo, que acusou a CIG de desconfiar do persoal de Salvamento. Aboi, ademais, recordou que Fernando Novoa, alto cargo da empresa HELICSA, fora o responsábel de Salvamento da Xunta durante o último Goberno de Fraga. Actualmente, coordina as actividades da súa sociedade desde un despacho autonómico no aeroporto de Vigo.
Actuación neglixente
“Aquí houbo protocolos que funcionaron mal. Como puideron tardar tanto en saír os medios de rescate? Como é posíbel que un barco pesqueiro que estaba atracado no peirao da Coruña chegase antes que as lanchas de Salvamento? Como se nos puido enganar nas horas?”, inquiriu Aboi ante os medios de comunicación. O responsábel da CIG-Mar recordou que os helicópteros que participaron no rescate non tiñan instalados os sistemas FLIR (visión nocturna por infravermellos) polo que non puideron detectar corpos vivos no mar.
O naufraxio ocorreu o pasado 15 de xaneiro a 20 millas de Cabo Prior. Dos oito tripulantes, tres foron rescatados con vida, outro morreu e catro continúan aínda desaparecidos.