Xerardo Abraldes, secretario comarcal da CIG de Vigo, e Placer Vila, secretaria de organización da central sindical nesta comarca, participaron desta rolda de prensa de presentación da mobilización do 1 de maio na comarca.
Na rolda de prensa deron a coñecer o material a través do que se difundiu aos trablladores e traballadoras esta convocatoria , nas empresas e centros de traballo.
Ademais Xerardo Abraldes explicou o contido sobre o que se centra este ano o 1º de maio, que ten por lema "Por un modelo económico xusto e sustentábel. En defensa da soberanía nacional". Así, Abraldes sinalou que "se está a falar dun momento de crise, e nós pensamos que o que está a acontecer está vencellado ao modelo neoliberal vixente, que está sustentado na especulación do capital, que fixo estoupar a burbulla inmobiliaria, e que agora o noramos na crise inmobiliaria e da construción, que en moitos casos ven motivada pola mala xestión empresarial e non pola falta de traballo".
Focos de conflitividade
O secretario comarcal da CIG de Vigo subliñou tamén numerosos conflitos que se están a dar polos efectos desta crise que "se agrva polo dumping de determinadas empresas portuguesas e tamén de aqui polos contratos lixos que procuran aproveitandose da crise que desde hai tempo vive o norte de Portugal". Abraldes concretou que nestes casos "a CIG defende que os traballadores veñan aqui pero que en todo caso traballen nas mesmas condicións e que se lles pague polo convenio provincial vixente".
Negociación colectiva
Abraldes destacou á comarca de Vigo, por ser " a comarca con maior índice de conflitividade de Galiza", e porque na actualidade "hai moitas frontes abertas e conflitividade pola negociación colectiva como pola ruptura das negociacións no convenio provincial da limpeza, o conflito aberto polo convenio do transporte de mercadorías, as mobilizacións no Hospital de Povisa polo cumprimento do convenio, e outros conflitos por despedimentos e represión sindical como no caso de Valoriza e Faurecia Interior Systems, ou como no caso da empresa Draka Cables, que pecha nun novo caso de deslocalización".
Redución de salarios
"A solución da crise para o capital pasa pola redución dos salarios, que é unha medida que empobrece aos máis desfavorecidos, e mesmo aumenta os impostos indirectos, deixan de pagar impostos os grandes capitais, e fronte a iso nos cremos que debería acontecer todo o contrario e tería que reducirse o IVE para os artigos básicos e aumentarse para os de luxo. É preciso un cambio radical de rumbo nas políticas fiscais, económicas e sociais", resaltaba Abraldes.
"A CIG entende que este 1º de maio ten que dedicarse a combater este modelo, porque estamos a ver como as medidas do goberno só favorecen aos máis enriquecidos", indica o secretario comarcal vigués.
Por último, Abraldes explicou a segunda parte do lema desta convocatoria xa que "a CIG defende a soberanía nacional porque só desde aqui podemos lexislar sobre o noso futuro e non desde un goberno instalado en Madrid". Tamén destacou que outro dos eixos a remarcar nesta data e pola actualidade é "unha mensaxe de defensa do noso idioma porque está a haber un ataque sistemático ao galego".