marco
Compostela, 28/5/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Boa acollida da recollida de sinaturas de apoio

As traballadoras do servizo de atención a emerxencias, 112, inician a súa campaña de mobilizacións

Os reiterados incumprimentos dos acordos acadados coas traballadoras/es do servizo de atención a emerxencias 112, tanto por parte da empresa, no seu día, como actualmente da Dirección Xeral de Protección Civil obrigaron ás traballadoras e traballadores a reiniciar as mobilizacións. Polo momento, e para sensibilizar á opinión pública, teñen instalado pancartas de denuncia por toda a xeografía galega e ademais, iniciaron unha campaña de recollida de sinaturas que, polo momento, está a ter moi boa acollida.

O mércores, día 28 de maio, as traballadoras e traballadores do servizo de atención a emerxencias, 112, instalaron unha mesa de recollida de sinaturas na Praza Roxa compostelá. Esa mesma tarde recolleron tamén sinaturas na praza da Peregrina, en Pontevedra e o día anterior xa conseguiran numerosos apoios na Coruña. O obxectivo é sensibilizar sobre a situación laboral que padecen e sobre os incumprimentos tanto da empresa como da administración pública. Por iso, ademais de colocar a mesa, tamén distribuíron panfletos informativos e explicaron, persoa a persoa o que está a acontecer con este servizo.

Denuncian as consecuencias que sofren pola privatización dun servizo público, o 112, que depende da Dirección Xeral de Protección Civil, da consellaría de Presidencia, aínda que están contratadas/os pola empresa MKPlan 21. Levan máis de un ano denunciando a precariedade laboral na que desenvolven a súa actividade e demandan que se revisen as súas condicións laborais, axustándoas ao que realmente fan, que non é máis que xestionar un servizo cidadán básico. “O resultado de sermos un servizo público privatizado, é que o noso traballo está marcado por grandes exixencias por parte da empresa e moi pouco rendemento para os traballadores. Por unha banda aplícasenos o convenio colectivo de telemarketing (agora chamado Contact Center), tremendamente precario e con salarios moi baixos e, por outro, ao depender dunha administración exíxesenos ‘por necesidades do servizo’ unha dedicación especial e recórdasenos continuamente a importancia do 112”, explican.

Tras sucesivas promesas incumpridas por parte da empresa e da Dirección Xeral de Protección Civil sen que nada mudara substancialmente, decidiron comezar a mobilizarse novamente até conseguir que se recoñeza o seu dereito a un traballo digno. Entenden que xa rematou o tempo das reticencias, divagacións, prazos e ameazas. “Agora toca sentarse a falar das nosas condicións de traballo, as eternas esquecidas no 112 nestes anos”, din. E a xente responde á súa demanda de apoio consciente da importancia do servizo que ofrecen. Tanto, que malia as adversas condicións meteorolóxicas, en menos dunha hora, falaron con preto de 1.000 veciños e veciñas de Compostela e recolleron un elevadísimo número de sinaturas. A próxima cita será este venres 31 de maio en Ourense.

Blog da sección sindical