marco
Vigo, 29/12/2007
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Consolídase o apoio e seguimento ao xogo

28.000 persoas aclamaron e apoiaron á selección galega en Balaídos

O 27 de decembro disputouse en Vigo o encontro da selección galega de fútbol. Por terceiro ano consecutivo a selección galega disputaba un encontro amigábel, que se converteu nun novo momento de encontro da afección galega, de reivindicación da oficialidade, e que desta volta contaba coa estrea da selección feminina de fútbol, que xogaba desde ás seis e media da tarde o seu primeiro encontro fronte a selección catalá.

Desde primeiras horas da tarde comezaban a chegar ao exterior do Estadio Balaídos centos de persoas, que chegadas desde todos os recunchos do país, acudían á estrea da selección feminina de fútbol, que, cunha demora de tres anos, comezaba nesta data a súa andaina.

Ao longo do día e desde as dez da mañá disputáronse noutros espazo deportivo da cidade de Vigo, o Estadio Baltasar Pujales, outros encontros amigábeis de categorías inferiores tanto de equipas femininas como masculinas sub 16 e sub 18.

A estrea da selección feminina

As mulleres tamén xogaron nesta ocasión e foi contra outra selección nacional do Estado español: Cataluña. As xogadoras galegas dérono todo no seu primeiro encontro e nesta importante estrea, aínda que non contaron con todo o apoio do público que mereceran. Iso si, as siareiras e siareiros que estaban no interior de Balaídos berraron e apoiaron ás galegas con numerosos cánticos como “Mulleres en pé, a loita continúa”, música e moito ánimo para as rapazas.

Comezaba deste xeito á festa do deporte galego en Balaídos. Aínda que o resultado rematara sendo o de 1-7, o importante era que as mulleres tamén participaban deste acontecemento, tan importante para contribuír a normalizar o noso país, dotándoo de seleccións deportivas propias como calquera outra nación.

Principiaban así estes actos deportivos de autoafirmación nacional, que transcenderon o puramente deportivo, e que se configuran como unha festa da Galiza en toda a súa dimensión, na que o apoio ás seleccións vai unido tamén á reivindicación política.

E aínda que o frío ía en aumento, non os ánimos e a vontade de encher o estadio dos siareiros e siareiras, que para o encontro masculino ocuparon 28.000 asentos de Balaídos. Unha moi boa entrada para este encontro, que xa se converteu nun clásico do Nadal, e que desta volta contaría co problema dunha pelexa interna da federación de Camerún, que provocou unha demora no inicio do xogo de máis de hora e media.

O resultado de 1-1 final non recolle a intensidade do encontro e o sentimento que compartiron os milleiros dos siareiros e siareiras alí presentes. Os 90 minutos do xogo, o descanso e máis o tempo de demora estiveron cheos de música, cantos e loita polo recoñecemento dos dereitos nacionais de Galiza.

Gadis explotadores, fora da nosa selección

No encontro tamén houbo momento para a reivindicación dos dereitos laborais, e así desde a bancada de marcador despregouse en varias ocasións ao longo do partido masculino unha faixa co lema “Gadis explotadores, fora da nosa selección”. Ademais repartíronse panfletos contra Gadis, empresa patrocinadora do partido, que podedes descargar en pfd máis abaixo, no que se relata a realidade das traballadoras e traballadores destes supermercados.

Pola oficialidade

En definitiva, bo ambiente e festa do deporte, mais tamén reivindicación e visibilización das demandas dunha sociedade galega viva, que continúa a apostar polas seleccións propias e que reclama a oficialidade e soña con ver xogar a Galiza no mundial.

Alén de seguir impulsando partidos como este e estender esta iniciativa a todos os deportes nos que aínda non existen seleccións propias, o sentir maioritario desde as bancadas de Balaídos foi nesta xornada o da necesidade de dar un seguinte paso, e loitar pola consecución da plena oficialidade, isto é, do dereito que lle corresponde ás nosas seleccións nacionais a competir internacionalmente coas do resto do mundo.

Documentos
200712_gadis_fora_da_nosa_seleccion.pdf