marco
Compostela, 29/4/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
A folga foi secundada por máis do 75% do profesorado das materias afectadas

Máis de 4.000 profesores e alumnos participan na manifestación convocada “Por outro Decreto de Bacharelato”

Máis de 4000 persoas participaron na manifestación convocada pola CIG-Ensino en Santiago, para exixir a negociación e a modificación do Proxecto de Decreto de Bacharelato. Ademais, a folga foi secundada por máis do 75% do profesorado de Educación Física, Filosofía e Historia, e tivo un apoio importante do profesorado doutras especialidades, reclamando que a relixión non se imparta no horario lectivo normal a todo o alumnado.
Imaxe da cabeceira da manifestación convocada pola CIG-Ensino, o pasado mes de abril, en demanda doutro Decreto de Bacharelato

A manifestación partiu ás 11:30 horas da Praza do Toural para rematar diante da Consellaría de Educación, en San Caetano, onde interviñeron o secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, e representantes da asociación de Filosofía e do colectivo de Educación Física.

Anxo Louzao comezou lembrando á conselleira a súa obriga, logo desta mobilización, de atender ás reivindicacións presentadas pola CIG, dado que coa súa participación nos actos convocados e na folga, o profesorado galego confirmou o seu rexeitamento á proposta de ordenación e currículo de bacharelato.

Reprochou ademais que a consellaría se negara sistematicamente a abrir calquera canle de diálogo. “É inaceptábel”, dixo cualificando a súa actitude de “imposición e autoritarismo, amosando o desprezo máis absoluto pola participación e por buscar os máximos consensos posíbeis”.

O secretario nacional de CIG-Ensino denuciou tamén a actitude de organizacións sindicais como CCOO e UGT que, segundo dixo, non só non convocaron nin apoiaron ningunha medida para parar este Decreto, senón que foron a avanzada da propia Consellaría, pretendendo deslexitimar a proposta da CIG para que o ensino da relixión se impartira á marxe do horario ordinario.

Neste sentido, Louzao lembrou que na xuntanza do luns 28 de abril, no Consello Escolar de Galiza, CCOO abstívose e UGT votou en contra dunha emenda da CIG que exclusivamente pretendía recomendar as administracións educativas que no futuro a relixión non formara parte do currículo escolar. “A demagoxia destas organizacións é inmensa: no plano teórico apúntase ao laicismo e na práctica opóñense a medidas encamiñadas a avanzar nesa dirección”, afirmou.

Para a CIG-Ensino, non se pode aceptar que unha Consellaría que se autoproclama progresista non acepte, sequer, desprazar o ensino de Relixión fóra do horario lectivo ordinario. Por iso, Louzao se preguntou “como se pode defender que a relixión teña a mesma carga horaria lectiva que Filosofía e Cidadanía e o dobre que a Educación Física? Como se pode aceptar que unha materia confesional condicione os horarios de todo o alumnado, reducindo o horario de materias fundamentais?”

A CIG-Ensino reafirmouse no ensino laico. Porén Louzao sinalou que “mentres non superemos o actual marco legal, é factíbel e legal a proposta feita pola CIG, semellante á doutras administracións educativas, consistente en que a materia de Relixión non forme parte do horario lectivo ordinario dos centros. Soamente así estariamos avanzando cara ao laicismo e facilitaríase o encaixe para que a Filosofía, E. Física e Historia teñan unha hora máis de clase”.

Para a CIG-Ensino as razóns polas que hai que mudar este decreto resúmense en que:

- vai privar o alumnado galego dunha formación completa e axeitada á nosa realidade social, cultural e histórica; - a súa aplicación comportaría consecuencias laborais negativas para o profesorado: supresión de postos de traballo e mobilidade tanto funcional como xeográfica; - fundaméntase nunha visión totalmente centralista do sistema educativo galego, impedindo, na práctica, un desenvolvemento curricular propio. Así, a carga horaria das materias de E. Física e Filosofía e Cidadanía limítanse aos mínimos propostos polo MEC, reducíndolles unha hora do actual horario. - o deporte e a actividade física son elementos imprescindíbeis para unha vida sa e de calidade; - a filosofía supón unha ferramenta imprescindíbel para a reflexión crítica e para dotar o alumnado dos instrumentos necesarios para afondar na comprensión crítica da realidade galega e do noso pensamento; - temos que valorar e coñecer a nosa propia historia e afianzar a nosa identidade. - temos que mudar este Decreto para mellorar a calidade do ensino.

Proposta da CIG-Ensino

  1. Incremento dunha hora na carga lectiva prevista das materias de Filosofía e Cidadanía (3 horas), Educación Física (2 horas) e Historia (4 horas) mantendo a distribución horaria que ten na actualidade.
  2. Un ensino laico e que a materia de relixión estea fóra do horario lectivo ordinario dos centros
  3. Todos os centros que dispensen ensinanzas de Bacharelato deben impartir, como mínimo, dúas modalidades e garantir que o alumnado poida cursar calquera materia propia da súa modalidade.
  4. Todos os centros que impartan a modalidade de Bacharelato de Ciencias e Tecnoloxía ofertan todas as materias propias da súa modalidade, incluídas Electrotecnia e Tecnoloxía Industrial I e II.
  5. Que todos os centros oferten como optativa Música, tanto en primeiro curso como en segundo, podendo ser cursada nos dous cursos polo alumno/a. Así mesmo, deben incluírse como optativas de oferta obrigatoria, entre outras, as materias de Historia e Xeografía de Galiza, literatura galega do s. XIX, Historia da Música e unha materia optativa vinculada á Educación Física.
  6. Dotación suficiente de profesorado en todos os centros para que o alumnado que non ten que repetir curso completo, non comporte incrementar o número de alumnado por aula que, para nós, non debe superar os 25 alumnos/as.