O protocolo foi asinado, este martes 29 de abril, por Xavier Gómez Guinovart e Xosé María Gómez Clemente, coordinadores do Grupo de Investigación “Tecnoloxías e aplicacións da lingua galega” (TALG) da Universidade de Vigo e Fernando Sabio Maroño, apoderado xeral da Fundación para a Orientación Profesional, a Investigación e o Desenvolvemento Tecnolóxico, o Emprego e a Formación en Galiza.
As dúas entidades asumen que o galego é a lingua propia de Galiza polo que apostan decididamente pola súa normalización completa. Por unha parte, súmanse ao espírito do Plan Xeral de Normalización Lingüística que aprobara o Parlamento Galego en 2004 e consideran que a lingua galega, como ben colectivo, debe ser apoiada e defendida non só polos poderes públicos (algo imprescindíbel), senón tamén por toda a sociedade no seu conxunto. A medida máis eficaz para a normalización é o seu emprego polo que as dúas entidades queren conxuntar esforzos e reforzar os vencellos sempre necesarios entre a Universidade e a Sociedade Civil para que coa sinerxía xerada se poidan materializar os fins de ambas entidades.
O propósito deste acordo é colaborar conxuntamente na normalización da lingua galega e na creación e difusión de recursos lingüísticos e terminolóxicos para o galego orientados a actividades de formación profesional e social. Este documento contén actuacións referidas a diversos aspectos neste ámbito. Prevense probas de utilización de versións beta de recursos, compartimento de aplicacións e elaboración e difusión de terminoloxía técnica.
O Grupo de Investigación TALG centra a súa actividade no desenvolvemento de ferramentas informáticas de uso libre que facilitan o achegamento á lingua galega e o seu uso. Ao longo dos últimos dez anos, o Grupo de Investigación TALG, con sé no Departamento de Tradución e Lingüística e no Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo, desenvolveu e dispuxo, a través de web (http://sli.uvigo.es), diversos recursos públicos de tecnoloxía lingüística, como o tradutor automático español-galego-español Apertium de código aberto, o corrector ortográfico en liña de galego OrtoGal, ou o Dicionario CLUVI inglés-galego, entre outros.
A Fundación para a Orientación Profesional, a Investigación e o Desenvolvemento Tecnolóxico, o Emprego e a Formación en Galiza (forGA) é unha entidade sen ánimo de lucro que vén impartindo formación para poboación en activo, presencial e a través de web (https://cigrede.interface.es/), ademais de accións asociadas á aprendizaxe, como proxectos de estudo, de investigación en materia de formación profesional e social dos traballadores de Galiza, de necesidades de formación e cualificación dos traballadores, en función das demandas sociais ou o desenvolvemento rexional, tecnolóxico e económico, entre outras.