marco
Compostela, 29/4/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Preténdense promover liñas de investigación comúns

O IGADI asina un Convenio de Colaboración co Instituto de América Latina de China

O IGADI, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, e o Instituto de América Latina de Ciencias Sociais de China, asinaron o luns 28 de abril en Beijing un Convenio de colaboración académica para reforzar pos vínculos entre ambas entidades e promover liñas comúns de investigación.

Zheng Bingwen, director do Instituto chinés, destacou a importancia deste acordo, o primeiro desta institución cunha entidade investigadora do estado español, salientando a coincidencia de intereses nos ámbitos de estudio, reforzados polo coñecemento que no IGADI existe da política exterior chinesa en relación a esta rexión, circunstancia que fai do centro galego, dixo, un caso moi singular e excepcional.

Pola súa banda, Xulio Ríos, director do IGADI, agradeceu a confianza dunha institución tan importante como a Academia de Ciencias de China para levar adiante este acordo que se concretará proximamente nun plano de actividades que incluirá intercambio de investigadores, participación en simposios e proxectos de investigación conxunta.

Cómpre salientar que do convenio asináronse exemplares en chinés, galego e español, conferindo ás tres linguas idéntico valor oficial.

Os obxectivos deste convenio son:

a) Promover accións de reflexión e sensibilización sobre temas relacionados con América Latina de interese bilateral, tanto en termos xerais como no marco de iniciativas conmemorativas concretas.

b) Facilitar a celebración de conferencias, simposios, encontros, etc, optimizando o intercambio de visitas.

c) O desenvolvemento de liñas e proxectos de investigación conxunta.

d) O apoio a profesores e investigadores interesados na problemática de América Latina, facilitando o contacto entre os respectivos especialistas nesta área.

e) Establecer mecanismos que permitan unha eficaz coordinación con todos aqueles axentes (académicos, políticos, sociais, etc) que poidan estar interesados na consecución de similares obxectivos.

f) Organizar e impartir cursos de formación relacionados con esta temática.

g) Difusión recíproca e intercambio de artigos e publicacións que resulten de interese conforme aos criterios académicos da outra parte, asegurando a permanente fluidez de información entre ambas entidades.

A duración do Acordo é de tres anos, e entrou en vigor a partir da data da sinatura.