En Galicia Dixital traballaban 11 persoas (10 mulleres e un home) desde o ano 2000. Desde aquela xa pasaron tres empresas adxudicatarias e non houbo nunca ningún problema con elas xa que asumían a este persoal. Sen embargo, neste último caso, a nova empresa adxudicataria non se fai cargo alegando que no prego de condicións non aparece a palabra subrogación e, polo tanto, considera que non teñen obriga de asumir o persoal, tal e como viña aparecendo nos anteriores pregos desde o anterior Goberno autonómico.
Esta é a primeira vez que unha contrata da Xunta non asume o persoal, xa que é habitual que en todos os pregos se recoñeza este dereito dos traballadores e traballadoras, e non só na Administración Autonómica, senón tamén na Estatal, Local ou outros ente públicos como o Parlamento, TVG, TVE, etc. Esta é a consecuencia directa de privatizar servizos públicos e que os xestionen intereses privados.
Desde a CIG xa iniciamos actos de protesta por este despedimento de todo o cadro de persoal e o seguiremos denunciando en todos aqueles actos que haxa do Presidente da Xunta, o sr. Pérez Touriño, de quen depende directamente este servizo, así como do conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, para denunciar desta maneira a hipocrisía do Goberno da Xunta en materia laboral.