O presidente da Mesa, Carlos Callón, que estivo no acto de presentación de dita campaña, afirma que na SXPL, que depende directamente do Presidente da Xunta, “sobra propaganda e faltan medidas”. Callón observa que “de pouco serve que se gasten milleiros de euros en macrocampañas que difunden lemas animando a vivir en galego se nin antes nin despois se adopta ningunha medida para que na realidade se poida vivir nesta lingua”.
“O mesmo departamento que dilapida así o diñeiro é o que non quere investir en que se dobren filmes de éxito ao galego, que se fomenten xoguetes neste idioma, que haxa material pedagóxico en galego para todas as materias, que haxa libros de repaso para o verán, que non pon en andamento ningún proxecto para garantir o dereito de atención en galego nas diferentes administracións, un programa ambicioso de cursos de formación para o profesorado etc. A Secretaría Xeral de Política Lingüística vive da aparencia, allea aos problemas que teñen as persoas que queren desenvolver a súa vida en galego. Eses problemas non se resolven con propaganda nin con autobombo”, conclúe.
A Mesa si valora positivamente as declaracións realizadas hoxe pola titular da SXPL desacreditando as campañas existentes contra o galego e que se camuflan como unha defensa do castelán, presentando “o mundo ao revés”. Callón manifesta o seu desexo de que este tipo de declaracións “sexan máis frecuentes” e que “o Goberno galego nunca cale a boca perante os ataques que sofre a lingua do país e todas as persoas que lexitimamente queren vivir nela”.