O naufraxio do Cordero ocorreu o pasado 15 de xaneiro a 20 millas de Cabo Prior. Dos oito tripulantes, tres foron rescatados con vida, outro morreu e catro continúan aínda desaparecidos.
Algunhas das irregularidades detectadas pola CIG
- A radiobaliza do “Cordero” emite un sinal ás 2:11 horas (hora local, 1:11 hora UTC) sen indicar a posición exacta do naufraxio, sinal que foi recollido polo Centro Aeroespacial de Maspalomas (Canarias).
- A empresa HELICSA, S.A., concesionaria do servizo, non tiña dispoñíbel o helicóptero habitual, o Sikorsky S61-N, de 10.000 quilos de peso e dotado do sistema de voo estacionario automático. Este helicóptero foi substituído por un Dauphin N II, de inferiores prestacións e moito máis pequeno, de tan só 4.250 quilos de peso, que non está equipado co sistema de voo estacionario automático e que tiña desmontado, por avaría, o sistema FLIR.
- O helicóptero Dauphin II despegou 18 minutos máis tarde do previsto porque foron detectadas varias anomalías nos indicadores que controlan a abertura de portas e o foco do tren de aterraxe non funcionaba, polo que houbo que abortar o despegue e revisar o aparello.
- Ás 2:50 horas os barcos de salvamento reciben a orde de estar “activados”, pero non reciben hora de saída.
- Ás 4:15 horas (hora local, 3:15 hora UTC) os tripulantes do Praia de Esteiro, a primeira embarcación en chegar ao lugar do afundimento, observan náufragos con vida e proceden ao seu rescate, axudados coa luz do helicóptero. Recollen a José Manuel Parada Argibay e Hendra Hermawan (dous dos sobreviventes), mais sobre as 4:45 horas (hora local, 3:45 hora UTC) o Dauphin N II abandona a zona por se ter esgotado a súa autonomía, sen que fose substituído por outro helicóptero (o Pesca 2) até media hora máis tarde. Ese tempo sen cobertura aérea resultou crucial xa que provocou a perda de contacto co resto dos náufragos.
- A aeronave Pesca 2, da Xunta, actívase ás 5:15 horas (hora local, 4:15 hora UTC). Este retraso débese a que a súa tripulación non conta con presenza permanente na base e fai as gardas na casa, polo que é localizada mediante buscapersoas. Este aparello (un Sikorsky S-76 C+) tampouco tiña operativo o sistema FLIR de visión nocturna.
Nova relacionada:
A CIG querélase contra sete altos cargos de Fomento pola súa actuación no naufraxio do “Cordero”