A Consellaría de Presidencia quere amortizar 42 postos de traballo (11 deles persoal laboral na provincia de A Coruña) en favor de empresas privadas. Con esta proposta de Relación de Postos de Traballo, a Xunta incumpre o pacto que acadara cos sindicatos sobre consolidación de emprego, ao amortizar prazas suxeitas a consolidación e ao contratar, máis unha vez, servizos externos.
Presidencia, dirixida polo socialista Méndez Romeu, ten previsto pór na rúa case medio cento de traballadores e así poder crear as prazas de libre designación para o seu staff da Secretaría Xeral de Presidencia.
A CIG-Administración Autonómica desminte as afirmacións que a Consellaría realizou recentemente na prensa acerca de que “as mobilizacións poderían estar sendo utilizadas para fins persoais”. Cómpre destacar que dúas das prazas amortizadas en A Coruña corresponden a dous delegados do Comité, “persoas que incomodan á Delegación”, sosteñen desde CIG-Administración Autonómica de A Coruña. “Coa amortización, Presidencia consegue, por unha banda, eliminar delegados incómodos e, por outra, avanzar na política de privatizacións do emprego público, política que eufemisticamente denomina externalización de servizos”.
Na bisbarra de Ferrol, a Consellaría de Presidencia elimina 6 prazas de limpadoras no edificio de Xulgados para contratar empresas privadas. Estas traballadoras tamén son un colectivo molesto porque reclaman os seus dereitos pois contan con contratos de catro horas que son insuficientes para realizar o seu traballo.
A CIG-Administración denuncia que, con esta clase de políticas, seguirán a entrar na Administración da Xunta persoas contratadas por empresas e non a través dun sistema libre e regulado onde se respecte a igualdade, o mérito e a capacidade como di o ordenamento xurídico en vigor.