marco
Vigo, 30/6/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
: mútuas : : ourense : : silicose :
Novo desprezo

A CIG de Ourense volve denunciar a actitude neglixente dunha mutua cun traballador enfermo de silicose

Se no pasado mes de abril a CIG denunciaba a actitude de absoluto desprezo das Mútuas cos enfermos de silicose, e daba a coñecer publicamente como a coñecida “MC Mutual” se ensañaba cun traballador diagnosticado de silicose complicada, e presentaba alegacións ante o INSS para rebaixarlle a pensión de incapacidade a pouco máis de metade da súa contía, agora a CIG volve poñer de manifesto o comportamento intolerábel dunha mútua.

E é que é intolerábel desde o punto de vista humano, e transgresor desde o punto de vista legal, esta prática da "Activa Mutua 2008 (Mutua de Tarragona)" que permitiu que un traballador con diagnóstico, segundo o informe do especialista responsábel da vixilancia da saúde, de "silicose de 2º grao asociada a enfermidade intercorrente (tuberculose residual)" continuase traballando na canteira de granito, non procedera a tramitar a solicitude de invalidez ante o INSS, e nin tan sequera lle facilitara o parte de baixa temporal por enfermidade profesional.

Na actualidade, o traballador está de baixa por enfermidade común mediante o correspondente parte expedido polo médico de familia.

Ataque aos dereitos

Os dereitos, a saúde e a dignidade dos traballadores novamente desbaratados por estes organismos mal chamados colaboradores da seguridade social, atacados mesmo polas autoridades laboral e sanitaria e tamén permitido, cando non alentado, pola propia Seguridade Social, mediante o INSS, que ten a inercia de pensar que toda persoa traballadora que tramita unha incapacidade é sospeitosa de querer lucrarse fraudulentamente do erario público.

As mutuas fan o que lles peta, a autoridade sanitaria non fiscaliza e vixía a calidade do servizo de ofrece, a autoridade laboral mira para outro lado e non sanciona nin retira concesións, e o INSS culmina a faena negando e/ou recortando prestacións.

No caso que nos ocupa, ademais, dáse o agravante de que se lle descubre unha enfermidade profesional cando está en estado xa moi avanzado, o que significa que durante os anos anteriores non se lle practicou debidamente a vixilancia da saúde que a lexislación establece. De terse feito correctamente dita vixilancia, esta persoa xa non traballaría nun posto con risco de po neumoconiótico e a enfermidade non tería avanzado.

Sen resolver problemas reais

Para a CIG de Ourense, que denuncia este caso, "lonxe de reaxir, os nosos dirixentes políticos, tanto do Estado como da Xunta, continúan dedicándose a promover grandes congresos, simposios e campañas publicitarias que en nada resolven os problemas reais".

Etelvino Blanco, secretario comarcal da CIG de Ourense, engade que "pensamos que estamos ante un caso claro de apertura de expediente, por parte das autoridades laboral e sanitaria, a unha mutua que conculca absolutamente todos preceptos legais e incumpre as súas obrigas, expediente que esiximos que se abra de xeito inmediato".

Reunións con Traballo e Sanidade

Ademais do asesoramento técnico e xurídico que desde a CIG se lle vai dar ao afiliado, a CIG de Ourense levará este grave casos aos foros nos que participa en materia de seguridade e saúde, empezando por solicitar reunións cos responsábeis de Traballo e Sanidade da Xunta de Galicia.