O presidente desta entidade en defensa da lingua, Carlos Callón, lembra que “cando este xuíz prometeu o cargo, prometeu, entre outras cousas, que ía acatar o ordenamento xurídico, e en particular cumprir e facer cumprir a lexislación”. Dentro do ordenamento xurídico está que o topónimo “A Coruña” é a única forma oficial, tanto por unha lei autonómica de 1983 como por unha lei estatal de 1998.
“A este maxistrado algunhas normas válenlle (as que lle permiten reclamar por inxurias) e outras non (as que determinan a toponimia oficial)”, denuncia Callón, quen tamén se interroga se o cumprimento da lexislación “debe ficar ao arbitrio dos destinatarios” e “que será dos cidadáns normais cando os xuíces manifestan sen pudor que incumpren certas leis”. O presidente da Mesa pide tamén que se aclare “se hai máis normas legais que este xuíz vulnere sen rubor”.
Desde o comezo deste caso, Antonio Fraga Mandián sostivo que se na documentación e no selo do xulgado se utilizaba “La Coruña” se debía a un “erro ortográfico sen importancia”, o cal só pode ser cualificado como “unha actitude cínica”. Ademais, o xuíz decano chegou mesmo a defender nos medios de comunicación ese uso de “La Coruña”. Porén, no desenvolvemento da vista oral nesta semana o maxistrado mostrou que realmente non se debía a un erro, senón a unha vulneración consciente do marco legal pola súa banda, como así ben o testemuñan as súas propias palabras.
Cómpre lembrar que este xuízo se produciu porque o maxistrado denunciou a un veciño da Coruña, Eduardo Álvarez, despois de que este reclamase recibir a súa notificiación xudicial en galego e co topónimo oficial. Os medios de comunicación recibiron a resposta antes que o veciño e nela Fraga Mandián negáballe os seus dereitos e consideraba o uso de “La Coruña” (na carta e no carimbo) como un “erro ortográfico”. O cidadán criticou a difusión da resposta aos medios, utilizando ademais o seu nome sen o seu consentimento, e considerou o contido coa seguinte declaración literal: “Din os dicionarios que cínico é quen mente para xustificar unha ilegalidade. Isto é o que está a facer o xuíz decano”. O decano presentou a antedita denuncia contra o veciño por inxurias, o cal só pode ser cualificado como “unha tentativa de amedrentar as persoas que quixeren reclamar os seus dereitos lingüísticos perante a Administración de Xustiza, pois converte o exercicio destes dereitos nun feito puníbel e perseguíbel”.
Naquel primeiro xuízo, celebrado hai un ano, producíranse un cúmulo de irregularidades que favorecían descaradamente ao denunciante. Cómpre lembrar que quen denunciaba era xustamente un xuíz e que a xuíza que tiña que resolver tiña e ten con el unha relación de dependencia e de subordinación gobernativa.
Debido a estas notorias irregularidades, a Audiencia Provincial considerou nulo o xuízo e ordenou repetilo con todas as garantías propias dun Estado de Dereito, razón pola cal se volveu realizar esta semana. A sentenza da Audiencia Provincial foi un contundente correctivo á parcialidade mostrada tanto pola maxistrada como polo Ministerio Fiscal.