A sentenza, que lle foi notificada á CIG o 30 de xuño en calidade de codemandada por MAFECCO, rexeita grande parte das alegacións presentadas por esta empresa téxtil. O fallo considera que os datos do balance da compañía, pese as perdas en tres exercicios sucesivos, “revelan unha situación patrimonial que dista de poder considerarse de desequilibrio". Ademais, "as ratios financeiras da empresa (solvencia, endebedamento, garantía) tampouco corresponden aos dunha empresa en crise”.
Esta resolución xudicial estima que a empresa matriz “estivo aportando capital a outras empresas filiais do grupo a efectos de garantir a súa viabilidade futura e non realizou o mesmo esforzo inversor na empresa”.
A sentenza coincide coa Consellaría de Traballo en que “a redución de persoal incide directamente na redución da produción, e por isto un ERE non é a medida máis aconsellábel”.
Para a CIG, á vista dos argumentos citados na sentenza, é obvio que a empresa non ten razóns reais e obxectivas para destruír postos de traballo e que, en realidade, o seu obxectivo era simplemente acrecentar a marxe de beneficios da sociedade.
A CIG felicita unha vez máis todas as compañeiras/os que creron que a deslocalización se podía combater cunha loita unida e decidida.
A loita que mantiveron as traballadoras de MAFECCO no verán de 2006 pola defensa dos seus postos foi recoñecida pola CIG co galardón na primeira edición do Premio do Día da Muller Traballadora, concedido pola Secretaría da Muller en marzo de 2007. “Nunca se dera unha loita no téxtil na comarca de A Coruña como a das traballadoras de Mafecco”, manfestara Elvira Patiño, daquela responsábel nacional da Muller do sindicato.