marco
Vigo, 30/7/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Torreta de Toen
Outra imaxe da torre de vixilancia de Toen
Este centro de traballo está localizado na parroquia de Baldriz, concello de Cualedro
E unha imaxe máis das deficencias existentes neste centro de traballo na Consellaria de Medio Rural no concello de Toen, moi perto da cidade de Ourense.
Falta de seguridade laboral

A CIG de Ourense solicita á Inspección de Traballo que peche varios centros de traballo da Consellaria de Medio Rural

Desde a CIG de Ourense están a facer visitas aos centros de traballo pertencentes á Consellaria de Medio Rural desta provincia e, atoparon problemas reais para o desenvolvemento do traballo con seguridade e saúde laboral. Até o de agora, a CIG presentou dúas denuncias ante á Inspección de Traballo, solicitando a paralización inmediata dos traballos nas torretas de vixilancia “Coto de Castro” pertencentes ao Distrito Forestal XII Miño – Arnoia e “Serra de Meda”, do Distrito Forestal XIV Verín – Viana, polo incumprimento grave das medidas de seguridade e do establecido na Lei de Prevención de Riscos Laborais e nos Regulamentos que a desenvolven.
Esta imaxe é da torreta de Serra de Meda, pertencente ao Distrito Forestal XIV Verin – Viana

En relación á torreta "Coto de Castro", foron paralizados os traballos pola Inspección unha vez que se fixo a correspondente visita, estando a data de hoxe novamente en funcionamento, despois de realizar os cambios e reformas que garantan a seguridade das persoas que traballan nesta torreta, aínda que faltan melloras doutro tipo por realizar.

Por outra banda, na torreta "Serra de Meda", quedaron pendentes da visita de Inspección ao centro de traballo. A CIG considera que tamén se deberían paralizar os traballos nesta torreta, xa que "representa un risco grave e inminente para a seguridade dos/as traballadores/as, mesmo poñendo en perigo a súa vida".

Críticas ao papel da Administración

Xesús Dorado, delegado sindical e membro do comité de empresa na Delegación Provincial da Consellaria de Medio Rural de Ourense, subliñou que "é lamentábel que a propia administración, que ten que velar polo cumprimento da normativa, mire cara outro lado, mentres os seus traballadores están a prestar servizos nunhas condicións penosas".

Desde a CIG de Ourense anunciaron que "imos continuar coas visitas polos diferentes centros de traballo da Consellaria de Medio Rural, para comprobar o estado no que se encontran e, no caso de que vexamos anomalías que poñan en risco a seguridade dos/as traballadores/as, faremos a correspondente reclamación ante á Inspección de Traballo".