O servizo de facturación de Orange está subcontratado, entre outras, a través da empresa de telemárketing Unísono; anteriormente o traballo realizábase no centro de Madrid, no que se reclasificou a todo o persoal á categoría de xestor. Agora o traballo realízase en parte no centro de Vigo (tamén en Chile), tendo o persoal categoría de “teleoperador/a especialista”. O salario dun “xestor/a” sitúase nos 14.014 euros anuais e o do “teleoperador/a especialista” en 13.252 euros.
Recentemente unha sentenza deulle a razón a unha afiliada da CIG que demandou a categoría de xestora. Por parte da Sección Sindical da CIG solicitouse a reclasificación do persoal que presta servizo do SIF (Servizo Integrado de Facturación) en base a sentenza favorable do Xulgado do Social de Vigo. Ante a negativa da empresa e despois de consultado o persoal, a CIG acordou a convocatoria de paros.
Os paros, que serán dunha hora, están previstos para os días 11 e 18 de agosto. O persoal da quenda da maña está chamado a parar das 11:00 ata as 12:00 horas, mentres que na quenda de tarde os paros serán das 19:00 ás 20:00 horas.
Os paros foron convocados coincidindo co envío da facturación aos clientes, cando se produce un maior pico de chamadas.
A clasificación profesional está sendo un dos cabalos de batalla non só en Unísono, senón en todo o sector dos centros de chamadas (telemárketing), onde se suceden as reclamacións e demandas por parte do persoal co apoio das Seccións Sindicais da CIG.
Dende o anterior Convenio está en marcha unha comisión de clasificación profesional integrada pola patronal ACE e os sindicatos asinantes CCOO e UGT, sen que houbera avances ata o momento, o que favorece ás empresas.
Dende a Sección Sindical da CIG en Unísono anuncian novos paros para setembro se a empresa non se senta a negociar a reclasificación do persoal do SIF.