marco
Compostela, 31/7/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Ademais de IPISA adebédanse nóminas en FERLOSA, CUPIGA, PEBOSA e IPIGA

A CIG de Valdeorras alerta da pretensión de xustificar coa crise os atrasos no pagamento dos salarios en empresas da lousa

Desde a CIG de Valdeorras veñen de alertar da intención de varias empresas do sector da lousa como IPISA, FERLOSA, CUPIGA, PEBOSA ou IPIGA de xustificar os atrasos que se están a producir no pagamento das nóminas ás traballadoras e traballadores alegando problemas relacionados coa crise económica.

Adriano Brito, secretario da Unión Local da CIG de Valdeorras sinala que “a moitos empresarios estalles vindo que nin pintada a cantarela da crise económica e a suposta necesidade de apertar o cinto e moderar as pretensións económicas. Sempre que sexamos os traballadores e traballadoras os que asumamos ese cinto apertado e esa moderación económica e salarial”.

Brito advirte de que, agás excepcións, “a produción non diminuíu, o material sae ao mercado coma sempre e o persoal mantén a mesma ou maior produtividade”, polo que conclúe que non se trata dun problema estrutural, nin dunha situación real de crise, nin dun problema de solvencia, máis cando “un empresario que ten a preto de cen familias sen cobrar tres nóminas celebra fastosamente, nun coñecido restaurante da comarca, a súa onomástica ante setenta convidados”.

Para Brito é fundamental que non se consinta que se descapitalicen empresas mentres os seus responsábeis “dilapidan o patrimonio que saíu do traballo e suor de moitas persoas de ben”. Ademais salienta que a sociedade “ten dereito a saber en que situación económica e patrimonial quedan certos empresarios que non teñen o máis mínimo tremor de pulso para asinar expedientes de regulación de despedimentos colectivos”.

O secretario da Unión Local advirte que, no caso de producirse esa situación, desde a CIG de Valdeorras se reclamará unha investigación “por parte de quen teña competencias en materia fiscal e económica e estaremos sempre a carón dos traballadores e traballadoras defendendo o emprego e o salario”.