Tras da configuración, o 30 de maio deste ano, dunha única mesa rectora no proceso electoral iniciado no colectivo do Persoal Laboral do concello do Carballiño, a CIG denunciou a irregularidade que supoñía o feito de constituír só un órgano rector das eleccións.
Alegábase que o artigo 73.1 do Estatuto dos Traballadores e Traballadoras determina que, exclusivamente nos centros de traballo inferiores a 50 traballadores/as se debe estabelecer unha Mesa Electoral Única e nos que tiñan unha cifra maior, dúas Mesas, unha por cada Colexio Electoral (Non cualificados e Administrativos).
A denuncia da CIG foi vista pola árbitro, quen a 12 de xuño ditou un alaudo acollendo os argumentos da CIG e anulando o proceso electoral por “existencia de vicios graves que poderían afectar á garantía do proceso electoral e alterar o seu resultado”.
Segundo explica Francisco Xabier Rodríguez, secretario do sector de administración local da CIG de Ourense, a UGT, “nunha acción de difícil comprensión, por canto a denuncia da CIG procuraba reforzar as garantías de todas as centrais sindicais concorrentes ao proceso, impugnou a decisión arbitral na xurisdición social, reclamando a súa anulación e, polo tanto, a válida conformación da Mesa Electoral.
A sentenza publicada polo xulgado do Social de Ourense o 29 de xullo desestima a pretensión de UGT e ratifica o laudo arbitral e, en consecuencia os argumentos da CIG e a anulación definitiva do proceso arbitral.
A partir de aquí as centrais sindicais terán que volver a convocalo para que se poida desenvolver con plenas garantías de igualdade.