marco
Compostela, 31/7/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
A CIG víñao demandando desde hai meses e denunciando os pouco tranparentes mecanismos de contratación

O SERGAS publicará as listas coa puntuación dos aspirantes a substitucións con preto dun ano de atraso

O mes de xullo caracterízase polo importante volume de contratacións no SERGAS para substituír ás traballadoras e traballadores que marchan de vacacións. A CIG-Saúde tiña denunciado que, neste ano, esas contratacións estaban a realizarse de forma irregular. Legalmente esas contratacións deben realizarse seguindo unhas listaxes pero as da convocatoria celebrada en setembro de 2007 aínda non foron publicadas. O SERGAS, na mesa sectorial celebrada este mércores 10 de xullo, comprometeuse a facer públicas as listas nun prazo de 10 días.

Na mañá deste mércores 30 de xullo, celebrábase en Compostela a xuntanza da Mesa Central de Seguimento do pacto de vinculacións temporais do Sergas. Unha reunión na que a CIG xa solicitara a presentación dunha análise das causas que tiñan provocado o atraso na publicación das listaxes de substitucións, as pouco transparentes contratacións realizadas ao no contar con estas listaxes e a inmediata solución do problema.

Alén de recoñecer a crispación xerada entre os aspirantes a substitucións no Sergas dado o pouco transparente sistema de contratacións que se estaba a aplicar nos últimos tempos, os representantes da administración comprometéronse a facer públicas por fin, nun prazo de dez días, as listas resultantes da convocatoria realizada en setembro de 2007.

Concentración de delegadas e delegados da CIG

Mentres na sede da consellaría se celebraba esta xuntanza, na entrada do edificio concentrábanse delegadas e delegados da CIG para presionar neste sentido e acadar compromisos por parte da administración para solucionar esta situación. Os representantes da CIG exixían ademais a publicación das listas que se utilizan para os chamamentos, que se corrixan e deneguen todas aquelas formas de contratación fóra de lista que fixeron nos centros e que non se volva a repetir unha situación como a actual.

O resultado da xuntanza foi o compromiso do Sergas á publicación inmediata das listaxes, que segundo explicaban, dependía de contar con todos os datos da tesourería da Seguridade Social para poder baremar a situación de desemprego das/os aspirantes, e que agora xa teñen.

Pola súa banda a CIG defendeu na mesa que “como están baremados todos os demais aspectos que contempla o pacto, como son experiencia profesional, formación continuada e a nota acadada nos exames de oposición por ter aprobado un ou dous exercicios da OP podíanse publicar esas listas, ter carácter subsidiario da lista xeral que está publicada e unha vez que esgotadas chamar por estas listas subsidiarias”, explica María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde, quen lembrou que “transcorrido un ano desde a publicación da convocatoria de apertura de listas os aspirantes poderán verse reflectidos nunhas listas e ter a garantía de que os chamamentos vanse facer por esas listas”.

A denuncia da CIG

Previa celebración desta mesa sectorial a CIG remitira unha carta ao Director Xeral da División de Recursos Humanos denunciando a forma na que se estaban  realizar as contratacións e exixindo responsabilidades. Unha carta que, de seguido reproducimos.

 

Á atención do Director Xeral da División de Recursos Humanos.

Transcorridos catorce anos desde a publicación do primeiro pacto de vinculacións temporais e a pesares das melloras que este foi acadando co consenso de todas as partes, parécenos inaudita a situación acaecida neste verán coas vinculacións temporais. Desde CIG-Saúde non pretendemos sinalar culpábeis pero si exixir responsabilidades e que se dean solucións a todos os temas relacionados coas vinculacións temporais.

A pesares de que a convocatoria para persoal non sanitario e sanitario de F.P foi realizada en setembro de 207, a realidade é que a data do presente escrito as listaxes desta convocatoria están sen publicar. Cando se realiza unha nova convocatoria a administración ten que ter resolto quen vai realizar a baremación, non é de recibo que entre a data de remate da presentación de solicitudes e o inicio do traballo de baremación transcorran máis de seis meses. Solicitamos a inmediata publicación das mesmas.

Non houbo, por parte das Direccións  Provinciais (organismo responsábel da xestión das listaxes) unha previsión de necesidades de persoal, esgotándose as listaxes nalgunhas categorías e non podendo ofertar os vínculos ao persoal demandante de emprego por non estra rematada a baremación.

O pacto de vinculacións recolle os mecanismos de novas ofertas en caso de esgotarse unha listaxe, sempre a través de convocatoria pública, anuncio en prensa ou oferta a través do Servizo de Colocación. O que non recolle é o chamamento a familiares ou persoas coñecidas; non estamos no tempo dos fillos dos ferroviarios.

Os criterios adoptados polas Direccións Provinciais foron, nalgún caso, ao seu mellor entender sen dar cumprimento ás reiteradas instrucións da Mesa Sectorial. Cabe subliña os chamamentos ao persoal que se encontra no período de descanso dos tres meses,

As organizacións sindicais non fomos convocadas a ningunha reunión para abordar esta situación e a resposta da Administración veu dada polas nosas reiteradas denuncias do que estaba a acontecer, sempre a tempo pasado.

Todas estas alteracións no normal funcionamento do pacto de vinculacións temporais e a improvisación continua ante a falla de recursos humanos e o que pon en entredito as actuacións da administración e de forma compartida ás organizacións sindicais. Non podemos seguir consentindo estas actuacións, polo que solicitamos que na reunión que, previsibelmente, está convocada para o próximo mércores día 30 de xullo, se realice  unha análise do acontecido e se acade un acordo que poña fin a esta situación.

Agardando a súa resposta.

Un saúdo.