A “dor de moas” que Touriño dicía hai meses que lle provocaba o tema de Serrabal é agora máis certa que nunca. A ritmo de bombo, os traballadores da mina e os das plantas de Ferroatlántica en Cee e Sabón van aumentando a intensidade do ruído para lembrarlle que están aí, facéndolle compañía nos seus actos electorais, non por pracer senón por obriga.
Porén, malia a súa insistencia, aínda non obtiveron resposta algunha do presidente da Xunta, que prefire nin miralos, malia ser ben visíbeis e audíbeis. De feito, para non pasar desapercibidos, o pasado domingo día 2 de marzo, aproveitaron que o presidente da Xunta participaba nun mitin no Pazo de Congresos, que casualmente está fronte ao edificio da CIG de Compostela, para subirse ao tellado e desde alí despregar unha gran pancarta e instalar unha potente megafonía. Entre mentres, outros compañeiros distribuíanse fronte á entrada principal do Pazo, tamén con pancartas e a ritmo de bombo.
Solidariedade
O absoluto mutismo que manteñen os representantes do goberno galego contrasta coa solidariedade que os comités de diferentes empresas van manifestando aos compañeiros acampados. Solidariedade que non se limita a dar ánimos, senón a sumarse ás demandas de cambio de trazado dos directamente afectados.
Durante a fin de semana recibiron comunicados dos comités de Tralusa-Transporte Urbano de Compostela, de Arteixo Telecom, de General Dinamycs, de Artela SL, da auxiliar de Televés ISF, da propia Televes ou de Gamelsa, entre outros.