Correos aplicou á traballadora unha sanción por falta grave de carácter continuado e outra de carácter grave que implicaba o seu despedimento. Para xustificar estas faltas argüíuse contra a traballadora baixo rendemento continuado, ocultamento de correspondencia e indisciplina. Porén, ao remate do expediente tivéronse en conta varias das alegacións da defensa e a sanción quedou nunha falta grave con suspensión de emprego e soldo dun mes.
Malia atenuar a sanción o expediente pasou a mans da xustiza e o Xulgado do Social nº 1 de Ferrol revogouna recollendo na sentenza que o servizo do Seixo está sobredimensionado e que excedía tanto a quilometraxe como a carga de traballo que a traballadora debía acometer na súa xornada laboral, polo que lle era imposíbel repartir a correspondencia diariamente e de forma normal.
Persecución
A traballadora, con anterioridade á tramitación do expediente comunicara ao seu xefe inmediato a imposibilidade de repartir a correspondencia diariamente e a necesidade de aumentar o cadro de persoal na zona, en resposta a algunhas queixas de veciños do Seixo pola tardanza en recibir a correspondencia. O responsábel da cartería iniciou entón unha persecución contra a traballadora culpándoa exclusivamente da situación do correo. A situación chegou a tal punto que o xefe intentou rexistrar o coche particular da traballadora polo que esta deu parte dos feitos no cuartel da Garda Civil.
Borrada das listas de emprego
O Director de Zona de Galiza, Ricardo Martínez Bermejo, remitiu unha carta á subdirección de Xestión de Persoal de Madrid instando a este órgano a que eliminase á traballadora das listas de emprego de Correos e acusándoa de estar a cometer unha fraude por cobrar máis quilometraxe dos que facía diariamente.
Este documento atópase en poder da CIG e xa foi entregado a unha equipa de xuristas penalistas para a elaboración dunha demanda contra Martínez Bereijo. Para a CIG son especialmente graves as acusacións do Director de Zona contra a dignidade da traballadora, alén dos prexuízos derivados da súa eliminación das listas, que impedirá que volva ser contratada en Correos.
A CIG tamén iniciou o procedemento para que se lle repoñan os catro días de permisos legais correspondentes ao ano pasado e que foron denegados polo xefe de cartería de Fene e que a traballadora sexa resposta nas listas de expectativa de emprego.