marco
Compostela, 4/8/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Os clientes seguen a manifestar o seu apoio aos traballadores despedidos

Continúan as mobilizacións polos despedimentos no Bingo “Ciudad de Santiago”

Traballadores do Bingo “Ciudad de Compostela” xunto con compañeiros da CIG, apoiados por delegados e delegadas sindicais de varias empresas de Santiago permaneceron ás portas da Sala desde as 16:00 até as 03:00 horas do pasado venres día 1 de agosto. Tal e como fixeron nas dúas xornadas de mobilización anteriores informaron aos clientes da situación laboral na empresa e pedíronlles que ese día non entraran no local de ocio.

Roberto Alonso secretario comarcal da federación de Servizos da CIG explica que tanto para os compañeiros e compañeiras da CIG como para os traballadores e traballadoras a xornada foi un éxito “xa que a aceptación por parte da clientela está sendo abrumadora, mellor mesmo do que se esperaba inicialmente”. Alonso subliña que “o primeiro día só entrou un 10% da clientela habitual, o segundo día, que foi o día do Apóstolo, con gran afluencia de turistas un 25% e o terceiro día de novo un 10%”.

O secretario comarcal de Servizos manifesta que despois do segundo día de mobilización, a empresa comezou a amosar os “primeiros síntomas de nerviosismo, como foi enviar a dous traballadores desde o estranxeiro, un de Barcelona e outro de Córdoba, tentando ameazar a un dos nosos delegados sindicais do bingo así como ao resto do cadro de persoal con futuros despedimentos, ademais de mandar á policía e contratar persoal de seguridade privada todo o día diante da sala”.

Este próximo venres, 8 de agosto, traballadores e compañeiros da CIG volveranse mobilizar de novo diante das instalacións da empresa.