marco
Compostela, 4/8/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
A asociación convida á clientela galega a que “repense” a súa vinculación coa entidade

ING Direct respóndelle á Mesa que seguirá sen utilizar o galego, a pesar de que si dá opción de catalán

Nunha resposta á Mesa pola Normalización Lingüística, a entidade financeira a distancia ING Direct sinala que non vai utilizar o galego mentres a lexislación lingüística de Galiza non o determine taxativamente.

A Mesa lamenta esa “resposta agresiva contra todos os clientes galegos” e lémbralle a ING Direct que “a lingua galega existe e temos dereito a poder utilizala con normalidade”. Ademais, cualifica á financeira de “prepotente” e afirma que “dá unha imaxe penosa ao negar un dereito tan básico como poder utilizar a propia lingua”, polo que convida á clientela galega a que “repense a súa vinculación con esa entidade”.

Na cláusula 14 do seu contrato de prestación de servizos, ING Direct estabelece que os seus clientes e as súas clientas poden formalizar tal contrato en castelán e en catalán, así como executar nestas linguas as prestacións derivadas do mesmo. Ademais, “nos stands promocionais situados en centros comerciais localizados na Comunidade Autónoma de Cataluña, as citadas xestións poderán ser realizadas, a elección do cliente, tamén en catalán”.

Usuarias e usuarios desta entidade financeira en Galiza manifestaron as súas queixas por non poderen formalizar os contratos nin poderen realizar ningún tipo de xestión, telefónica ou en liña, en galego. Perante tal evidente discriminación, A Mesa pola Normalización Lingüística púxose en contacto coa dirección de ING Direct para solicitar algún tipo de solución. A resposta chegou asinada polo responsábel de Estratexia de Produto Cuenta Naranja e Produtos de Investimento, Javier Montes Pita, e polo director de Cumprimento Normativo, Francisco Javier Castillo Sánchez. Nela, manifestan que non dan ningunha opción de realizar ningunha xestión en galego porque a lexislación lingüística de Galiza non o estabelece.

Para A Mesa, “ademais da prepotencia de ING Direct, fica tamén en evidencia a desidia que caracteriza á Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta, máis interesada en facer propaganda inútil que en desenvolver accións que sirvan para introducir o galego en ámbitos dos que está tan minorizado, como pode ser o financeiro”.

Cómpre lembrar, nese sentido, que, segundo a Carta Europea das Linguas, nos regulamentos financeiros e bancarios deben existir cláusulas que garantan o uso do galego. Este tratado internacional foi ratificado hai sete anos polo Estado español, mais tales cláusulas seguen sen existir.