O concurso de acredores que se está a desenvolver no Xulgado 1 do Mercantil de Pontevedra, está a recadar a información da identidade de cada un deles, as cuantias e vencemento dos respectivos créditos e as garantías persoais ou reais constituídas, a respecto do mesmos. No referente ao ERE, dende que rematou o período de consultas no mes de xullo, téñense presentado o informe negativo do comité de empresa onde rexeita de plano as medidas propostas pola empresa, por considerar que o plan de viabilidade no que se sustenta non responde a realidade, e por parte da empresa fíxose unha modificación a proposta inicial que en vez de extinguir 25, redúcense a 21 e os fixos descontinuos en vez de 11 pasa a 15.
Destrución de trinta e seis postos de traballo
O propio comité valora esta proposta como un cambio sen efecto e sen repercusión final no emprego que se destrúe xa que en todo momento se trata de 36 persoas. Para completar este expediente falta o informe que teñen que elaborar os interventores xudiciais e a Autoridade Laboral.
Por parte do comité téñense solicitado entrevistas cos propios interventores e cos Delegación Provincial de Traballo e Inspección de Traballo. Unha vez completado o mesmo será o Xulgado do Mercantil quen decida sobre o ERE.
Continua a reducirse a capacidade produtiva
En canto a situación actual, pola que atravesa e empresa, a CIG salienta tres aspectos: en primeiro lugar séguese por parte da Dirección nun afán de seguir a reducir capacidade produtiva, nos 4 meses que van desde que se presentou o concurso de acredores deixáronse de producir 150 mil metros cadrados de ferrogres (9O mil en Catoira e 60 mil en Teruel) o que significa o deixar de por no mercado esta mercancía, demandada polos propios viaxantes e comerciais da empresa, e solicitada polos clientes.
Desde a CIG sinalan que "non se entende esta postura, xa que a capacidade produtiva acendendo o terceiro forno como leva demandando o persoal teríase solventado en parte o problema, xa que se podería producir uns 25 mil metros cadrados por mes, e crearía uns 15 postos de traballo directos, co cal nos daría a razón de que non sobra ninguén senón que se necesitaría contratar a mais xente para manter a carga produtiva".
En segundo lugar, e para mais énfase, "non so non se produce e continuase a manter a lista de despidos de operarios, e pola contra presentáselle ao comité un novo directivo que pasa a engrosar o equipo de dirección non se sabe moi ben para que".
Malestar xeral e conflitividade
E en terceiro lugar a situación provocada pola publicación da lista dos traballadores afectados polo ERE, está a xerar un malestar xeral, xa que no mesmo non se fixo con ningún criterio obxectivo, dándose paradoxos e casos de persoas que son parella e levan alí moitos anos e están afectados os dous, persoas que so teñen esa fonte de ingresos, etc., polo tanto o nivel de conflitividade vai en aumento e o nivel de deterioro da empresa segue nas mesmas proporcións, non vendo claro por parte de ninguén o futuro que se presenta para Cedonosa, que continuando por estes vieiros, está abocada ao peche e a súa liquidación, que "supoñemos que é o que pretende a Dirección con todo este tipo de medidas que esta a tomar".
Concentracións e mobilizacións
Por parte do persoal estanse a levar concentracións durante esta semana diante das instalacións da empresa a partir das 6 da tarde hora de saída. A partir da semana que ven está previsto que estas sexan feitas no exterior da factoría en diversos lugares do Concello para facer un chamamento sobre a situación que se está a dar e concienciar os veciños e cidadanía en xeral que os postos de traballo están en claro perigo, non so os afectados polo ERE senón á totalidade do persoal, así como o futuro industrial de Cedonosa en Catoira, "por unha postura irresponsábel, pero consciente da Dirección da empresa".