marco
Compostela, 5/1/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Contra as deslocalizacións no Telemárketing

A CIG impugna xudicialmente a transferencia a Perú de dados persoais de clientes de Telefónica

A Sala do Contencioso Administrativo da Audiencia Nacional española está a tramitar o recurso contencioso administrativo interposto pola CIG contra unha autorización de transferencia internacional de dados á filial peruana da empresa Global Sales Solutions Line SL, concedida pola Axencia Española de Protección de Dados (AEPD) á Telefónica Móviles España SA. Este servizo é prestado actualmente pola empresa Eurocen, que dá emprego a cerca de 1.000 persoas na cidade de A Coruña.

As autorizacións da AEPD son o paso previo ás deslocalizacións nas empresas de Telemárketing. Apesar do rigor formal da Lei Orgánica de Protección de Dados, que prohibe en termos xerais a cesión de dados persoais con destino a países que non conten cun nivel adecuado de protección, a AEPD interpreta de xeito moi flexíbel as excepcións a esta regra, aceptando como “garantía” un simple contrato entre o importador e o exportador de dados, sempre que incorpore determinadas cláusulas tipo.

O recurso da CIG baséase tanto en motivos formais, relativos á forma en que se desenvolveu o procedemento administrativo, como en cuestións de fondo, centradas na omisión dos requisitos de información e consentimento dos titulares dos dados persoais e na ausencia de garantías de que os dados serán debidamente protexidos nun país que a propia Unión Europea cualifica como “non seguro” en termos de protección da privacidade. Faise igualmente referencia ao grave impacto social que estas autorizacións producen no emprego no noso país, ao permitiren o traslado de servizos de teleoperación a países onde o dereito do traballo está tan pouco desenvolvido como a lexislación de protección de dados persoais, nunha práctica que só pode ser cualificada de dumping social.

CCOO lava as mans

Durante a tramitación administrativa previa á resolución, e como consecuencia da petición feita pola CIG nunha xuntanza anterior, a AEPD dirixiuse a diversas entidades representativas da cidadanía (sindicatos, asociacións empresariais, asociacións de consumidores, etc) para que puidesen formular alegacións. Só a CIG e CCOO fixeron uso deste dereito, aínda que con criterio discrepante. Entanto a CIG pedía que non fose autorizada a cesión de dados persoais, a cúpula de CCOO pronunciábase “no sentido de non facer alegación ningunha en contra, por non vérense afectados os intereses do colectivo obxecto da nosa defensa”.

O recurso da CIG encádrase na intensa campaña que está a desenvolver o sindicato contra o proceso de deslocalización no sector do Telemárketing, que ameaza 3.700 postos de traballo nas maiores empresas situadas na Galiza.

Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela
Contacta por correo en cig.prensa@galizacig.com
Fontes RSS Logotipo fontes RSS