É indecente que UGT e CCOO pretendan arrogarse méritos cando son os responsábeis de que os mineiros de Meirama sexan os únicos de todo o Estado que non se beneficien das prexubilacións contempladas no Plan Miner II, asinado en marzo de 2006 por estas dúas centrais, pola patronal e polo Ministerio de Industria.
Á CIG tamén lle resultan cínicas as declaracións de Roberto Teixido, representante da UGT, nas que elude responsabilidades do seu sindicato na marxinación da mina de Meirama das axudas do Plan Miner. Nas súas manifestacións, Teixido ampárase en que “en Cerceda se extrae un carbón distinto”. Mais o plan Miner II está concibido para contrarrestar as consecuencias da redución da actividade mineira ou do peche de xacementos de carbón, tal como ocorre en Meirama e en As Pontes. Por tanto, non serven as escusas esgrimidas polo sindicalista da UGT para tentar ocultar a traizón da súa central aos intereses dos mineiros das auxiliares da Galiza.
Nun sentido parecido exprésase o presidente do comité de Masa, Alejandro Barreiro: “O carbón de Meirama é o mesmo que o de As Pontes. Pola contra, alí si que vai haber incorporacións de traballadores das auxiliares á empresa principal. Do mesmo xeito, en Cerceda o persoal de Limeisa vaise beneficiar de prexubilacións a través do Plan Miner. Por tanto, as palabras de Teixido quedan desacreditadas e demostran que o seu sindicato non vela polos intereses dos mineiros de Meirama”.
Barreiro puntualiza que os beneficios que se conseguiron para os traballadores de Masa e doutras auxiliares son consecuencia das mobilizacións e das folgas que realizaron, “pese a ser boicoteadas por CCOO e UGT”. “Se non é polos traballadores e polo apoio da CIG, hoxe xa estaríamos todos na rúa”, sentenza Barreiro.
Recolocacións
O plan de recolocacións deseñado pola Consellaría de Industria, negociado na Mesa Auxiliar do Carbón da Xunta, é o único programa real e críbel para a CIG. Todo o contrario acontece co plan ideado pola Consellaría de Traballo, anunciado por este departamento de maneira unilateral pois non o consultou nin cos sindicatos nin cos traballadores. O programa do gabinete que dirixe Ricardo Varela responde exclusivamente a un ánimo propagandístico e aínda se descoñecen as súas medidas.