marco
Vigo, 5/3/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Falta de medidas de Prevención

O valedor do Pobo abre de oficio unha investigación sobre o amianto en Ourense

Nin o Concello nin as Delegacións de Sanidade e Traballo se puxeron en contacto coa Central, malia que a CIG sempre se puxo á súa disposición a raíz da denuncia feita da falla de medidas de seguridade e prevención na utilización de amianto en Ourense.

O Valedor do Pobo, Benigno López, ven de comunicarlle formalmente á Confederación Intersindical Galega a apertura de oficio dunha investigación “sumaria e informal” en relación coa campaña que presentou recentemente, sobre a inexistencia de medidas de prevención e seguridade na manipulación de materiais que conteñen amianto, na cidade de Ourense.

Tanto na demolición e reconstrución de edificios do casco vello como na substitución de tubaxes e canalizacións da rede de abastecemento de augas, se está mantendo un contacto directo con placas e tubos de fibrocemento, con alto contido de amianto, sen usar protección algunha, sen comunicación á autoridade laboral, e xestionando os residuos como se de escombro normal se tratase.

O amianto é un mineral considerado como canceríxeno polas autoridades sanitarias internacionalmente, existindo unha lexislación especialmente rigorosa sobre a sua manipulación, con obriga de extremar as medidas de prevención e seguridade.

Sen resposta doutras institucións

A día de hoxe, nin o Concello nin as Delegacións de Traballo ou Sanidade se teñen posto en contacto coa CIG en relación con este asunto, a pesares de manifestarlle desde o primeiro día que estaban á súa enteira disposición, “ofrecemento que segue en pé”.

Mentres tanto, desde a CIG de Ourense sinalan que “non temos observado cambios significativos no xeito de traballar nas obras da nosa cidade”.