De esquerda a dereita: Mimoun e Pablo (traballadores despedidos tras sufriren accidentes laborais en Eshor), López Pintos e o membro da CIG-Ferrol Óscar Pérez Vidal (05-05-2008).
O cadro de persoal da construtora conta con 400 operarios que prestan servizo por todo o Estado español. O 90% son traballadores inmigrantes procedentes de Ecuador, Alxeria, Marrocos, Perú, Colombia ou Romanía. Unha vez que rubrican o contrato, de carácter indefinido, Eshor os coacciona para que asinen a baixa voluntaria e renuncien a dereitos como a indemnización ou, no caso de que proceda, a prestación por desemprego.
A Inspección de Traballo, que é coñecedora da situación polas denuncias que interpuxo a CIG, inhíbese pese a que o número de “baixas voluntarias” de traballadores inmigrantes en Eshor é escandaloso. A CIG de Ferrol pregúntase como a Inspección de Traballo non encontra sospeitoso o feito de que decenas de obreiros estranxeiros soliciten a “baixa voluntaria” en Eshor, cando son persoas sen recursos, que non teñen onde vivir, e que por riba renuncian a un contrato indefinido e as indemnizacións correspondentes pola rescisión da súa relación laboral coa empresa.
“A situación dos traballadores é dramática. Varios deles mesmo tiveron que ir comer á cociña económica e tivemos que darlles cartos para que puidesen sobrevivir”, explica Xesús Anxo López Pintos, secretario comarcal da CIG-Ferrol.
A construtora, ademais, promételles a estes traballadores aloxamento mais cando chegan a Galiza descóntalles 120 euros do seu salario en concepto de vivenda, que teñen que compartir con 5 compañeiros máis e que son forzados a abandonala no momento de asinaren a “baixa voluntaria”.
Os empregados inmigrantes realizan xornadas diarias de entre once e doce horas, traballan de luns a sábado, as horas extraordinarias non lles son remuneradas e perciben menos cartos dos que figuran nas súas nóminas. Mentres, “UGT e CCOO (centrais maioritarias no comité) miran cara outro lado”, subliña López Pintos.