A piques de comezar o funcionamento do novo edificio administrativo en Pontevedra, a Xunta informa que ten a intencionalidade de privatizar o servizo de limpeza e de mantemento, ademais de privatizar a escola infantil que coidará e educara aos nenos e nenas dos traballadores e traballadoras deste edificio.
As centrais sindicais convocantes denuncian que "hai consellarias que teñen limpadores e limpadoras que se verán desprazadas, cando poderían continuar a prestar servizo nas súas propias Delegacións Provinciais. Podían crear as prazas necesarias para a cobertura da totalidade do edificio, ao igual que o servizo de mantemento que sería de nova creación".
Privatización da escola infantil por Presidencia
Aínda que os sindicatos rexeitan globalmente a política de privatizacións, consideran que neste caso "o máis lesivo" sería que Vicepresidencia non asuma as súas competencias, e no lugar de incluir a escola infantil na rede pública galega de escolas infantis, como sucede no edificio de Vigo, pretenda xestionala a Consellería de presidencia, privatizándoa.
De feito, os convocantes consideran que "é inexplicábel que Presidencia se faga cargo da escola, primeiro porque non teñen competencias na materia, e segundo porque promove a destrución de emprego público".
Manifestación para o 16 de maio
Esta mobilización estaba convocada por todos os comités de empresa das consellarias da Provincia de Pontevedra e a Xunta de Persoal. Esta é xa a segunda mobilización, despois dunha primeira concentración o 28 de abril, e convocaron xa unha nova manifestación neste calendario de mobilizacións que será o 16 de maio, e que sairá desde este mesmo edificio da Xunta en Pontevedra, na rúa Benito Corbal.