marco
Vigo, 5/5/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Tanto na asemblea da mañá, como na da tarde, as traballadoras e traballadores do sector encheron o salón de actos da CIG de Vigo.
No centro da imaxe, a secretaria comarcal da CIG Servizos, Maria Tránsito Fernández, na mesa que presidía esta asemblea.
Asemblea de traballadoras/es no local da CIG de Vigo

Convocada folga indefinida pola negociación do convenio da limpeza na provincia de Pontevedra

Máis de 600 traballadoras e traballadores do sector da limpeza participaron o 5 de maio pola mañá e pola tarde nas asembleas convocadas pola CIG, CCOO e UGT, que se celebraron no local da CIG de Vigo, para informar da situación do conflito despois da ruptura das negociacións do convenio, asi como para tratar a convocatoria de folga indefinida neste sector a partir do 12 de maio.

Na reunión do convenio de limpeza de edificios e locais celebrada o dia 23 de abril a mesa negociadora e as centrais sindicais romperon as negociacións pola perda de dereitos que a patronal propuña negociar neste convenio.

Algunhas das propostas máis graves realizadas pola patronal, e que moveron a este colectivo á convocatoria desta folga, son: a abolición e retirada da antigüidade; a eliminación do plus de toxicidade, perigosidade e nocturnidade; a eliminación das 38 horas e media á semana, e aumentar a 1.758 horas ao ano; retirar ao persoal de xornada parcial e aos que traballen en fin de semana o plus de domingos e festivos.

Folga indefinida

Mª Tránsito Fernández, secretaria comarcal da CIG Servizos, subliñou nesta asemblea que "desde a CIG non imos deixar que nos quiten os nosos dereitos, xa que fomos a primeira central sindical que se preocupou da negociación colectiva para este sector e imos dar a batalla, e por iso a decisión firme da convocatoria desta folga indefinida, de non retirarse a proposta de patronal e mellorar as condicións laborais e sociais destas traballadoras e traballadores".

O martes 6 de maio están chamadas as centrais sindicais a unha nova xuntanza de negociación do convenio ás once da mañá na sede da patronal, aínda que non se agardan grandes novidades.