Neste acto simbólico, a CIG-Ensino entregou, no rexistro da Consellaría de Educación, un boletín de notas de avaliación final de 1º de Bacharelato da alumna Laura Sánchez Piñón, no que esta suspende en case todas as materias, levando un 0 en disciplinas fundamentais para a formación do alumnado como son a Historia e a Filosofía, se ben, temos que subliñar que mereceu un 10 en Relixión.
Á vez, entregouse un lote de libros de Filosofía, Historia, Tecnoloxía e Música, para que no verán a Conselleira trate de recuperar estas materias damnificadas polo decreto. De non ser así e posto que xa o ano pasado tivo que ser suspendida pola súa actuación no horario da ESO e a supresión da xornada reducida de verán, entendemos, desde CIG-Ensino, que non debe repetir máis unha vez e que, polo tanto, debe quedar fóra do sistema educativo, isto é, debe dimitir; ou no seu caso, o titor, Emilio Pérez Touriño, debía cesala.
Logo das concentracións diante da Consellaría (15 de maio, 23 de maio), Consello Escolar (28 de abril), folga e manifestación o día 29 de abril, entrega de 2.600 sinaturas, actos nos centros de ensino con aulas abertas, etc., a Conselleira segue a negarse a recibir os representantes do profesorado para tratar un decreto esencial como é este.
Desde a CIG-Ensino, adiantan que seguirán a dar a batalla pola mellora deste decreto que deixa a Galiza nunha situación marxinal respecto do resto do Estado no peso destas materias.