marco
Vigo, 5/6/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
: folga : : Schindler :
Acordo en Madrid

Os traballadores de Schindler conseguen coas súas mobilizacións que se retome a negociación do convenio

O mércores 4 de maio os traballadores de Schindler chegaron a un acordo, despois dunha mediación que tivo lugar en Madrid. O obxectivo da mobilización e dos paros conseguiuse xa que despois deste acordo a empresa retomará a negociación do convenio colectivo, que tiña bloqueado desde marzo.

Foron necesarias dúas xornadas de folga na empresa de ascensores e escaleiras mecánicas Schindler para que a empresa se achegara ás demandas dos traballadores, que era a de negociar e mellorar o seu convenio colectivo.

O mércores 4 de maio tiña lugar unha xuntanza en Madrid, no centro de mediación, pola demanda que presentou a empresa contra o presidente do Comité Intercentros pola convocatoria da folga, e na que a empresa reclamaba 24.000 euros de sanción.

Próxima xuntanza: o 13 de xuño

Nesta reunión desbloqueouse a negociación, a dirección retirou a petición de sanción contra o presidente do Comité, asi como asumiu a necesidade de retomar as negociacións do convenio. De feito, fixouse data para a primeira destas reunións para a negociación colectiva, que será o 13 de xuño.

Acordouse que en primeiro lugar se tratarían os temas pendentes de maior importancia como o plus de transporte, os incentivos, as guardas e as baixas. O resto do texto negociarase nunha segunda fase, despois de ter acordado esta primeira parte.

Avaliación positiva

Miguel Vázquez, delegado da CIG presente no Comité Intercentros, avaliou positivamente este acordo "porque conseguimos que a empresa abandonara a súa postura, tan pechada desde marzo, e fixemos unha demostración de forza importante".