Formar, informar e sensibilizar son, para o SLG, as claves para frear o incremento da sinistralidade nos sectores agropecuario e forestal. Por iso propoñen a posta en marcha dunha campaña prolongada que combine estas tres facetas, dando así un primeiro paso para tratar de instaurar pouco a pouco unha cultura de prevención da que, segundo explican “carece o sector en absoluto”.
Os maiores de 55 anos, os máis afectados
Os maiores de 55 anos son, segundo o SLG, os que máis sofren accidentes relacionados co envorco (lateral e cara atrás) e os accidentes de tráfico, sobre todo en tractor.
Para evitar estes sinistros a organización sindical agraria propón que se reduza o número destas máquinas agrícolas que circulan sen ter pasado pola ITV. “Para iso, é preciso” din, “potenciar a Inspección Técnica de Vehículos facilitando o acceso da maquinaria agrícola a estas inspeccións”.
Tamén entenden que outro dos mecanismos sería que as administracións con competencias na materia -Dirección Xeral de Relacións Laborais, nomeadamente a Subdirección Xeral de Seguridade e Saúde Laboral, e a Dirección Xeral de Investigación, Tecnoloxía e Formación Agroforestal da consellaría de Medio Rural- coordinen iniciativas e esforzos en Políticas de Prevención.
Por iso, o SLG, fai un chamamento ás administracións implicadas para que busquen conxuntamente fórmulas de colaboración e coordinación que lle dean coherencia ás accións que de aquí en diante se planifiquen, evitando duplicidades innecesarias, xa que “a falta de coherencia entre as distintas lexislacións aplicábeis na materia é patente”, afirman..