marco
Compostela, 5/8/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Producíronse preto de 50 despedimentos nos centros de chamadas da cidade olívica

Seguen as mobilizacións na empresa de telemárketing Bosch en Vigo

Cunha nova concentración de delegados e delegadas a Sección Sindical da CIG en Bosch continúa dando resposta aos preto de 50 despedimentos realizados pola multinacional xermana Bosch nos centros de chamadas de Vigo.

O pasado mes de xullo Recursos Humanos anunciaba que procedería a realizar despedimentos masivos nos centros de chamadas de Vigo, sen facilitar ningún tipo de documentación ao Comité. Ante esta situación a CIG iniciou un proceso de mobilizacións, rematando o mes con cerca de 50 persoas despedidas.

O día 5 de agosto dende ás 11 da maña cincuenta delegados e delegadas da CIG concentráronse ante as instalacións da empresa na Avenida de Madrid baixo o lema “Bosch nin despidos nin sancións” . Durante a mobilización coreáronse lemas en favor da readmisión do persoal despedido; en contra da temporalidade e a favor do emprego digno e con dereitos.

Bosch mantén en Vigo catro centros de chamadas que dan emprego a 1.200 persoas, un 86% do persoal ten contratos temporais malia que o precario Convenio de Contact Center establece que un 30% do persoal de operacións terá contrato indefinido.

Dende a Sección Sindical da CIG en Bosch tense denunciado a alta taxa de temporalidade, pero tamén os numerosos despedimentos e sancións por parte da empresa, nomeadamente de persoas que reclaman os seus dereitos laborais. As últimas sentenzas, relativas a sancións, deixaron claro que Bosch se extralimita sancionando ao persoal.

Mais ala das mobilizacións están presentadas denuncias ante a Inspección de Traballo que xa requiriu a empresa para que cumpra o Convenio en numerosas materias. Así mesmo nos vindeiros días comezaran a presentarse as demandas polos despedimentos do mes de xullo.

Para o mes de outubro terá lugar na Audiencia Nacional a vista dun Conflito Colectivo no que se denuncia o incumprimento do Convenio en materia de contratación.