A CIG é a única Central Sindical presente no procedemento xudicial aberto tras o accidente, en calidade de acusación particular, polo que nestes momentos a CIG de Ourense dispón de documentación suficiente para sacar, aínda sen ter rematado o período de instrución, certas conclusións e determinados aprendizaxes.
Así as cousas, a día de hoxe a CIG salienta, a través dun comunicado de prensa, varias cousas sobre esta cuestión:
Falla de medidas de seguridade
O Informe da Inspección, que investigou o accidente en colaboración cos técnicos da Consellería de Traballo, conclúe que "...non se observaron as normas de seguridade contidas no Plan de Seguridade..." e que se incorreu en incumprimentos da normativa aplicábel en materia de prevención de riscos, especialmente no que se refire ás Disposicións Mínimas de Seguridade e Saúde nas Obras de Construción (RD 1627/1997, do 24 de outubro, publicado no BOE do 27-10-1997).
Así mesmo, considera que a empresa construtora (VALDALLA CONSTRRUCTORA S.L.) e as empresas principais que conforman a UTE (FCC CONSTRUCCIONES S.A. e COMSA S.A.) que subcontrataron os traballos a aquela, non adoptaron "...medidas preventivas aplicábeis ás condicións de traballo en execución da normativa sobre prevención de riscos laborais das que se derive un risco grave e inminente para a seguridade e saúde dos traballadores...", polo que cualifica a falta como MOI GRAVE.
Sanción mínima
Sen embargo, a pesares de que a Inspección de Traballo considerou no seu Informe que o accidente se produciu por falla de medidas de seguridade, cualificadas como moi graves, e pese a solicitar o recargo máximo das prestacións aos traballadores afectados (50% sobre todo o percibido como consecuencia do accidente) a sanción que propoñen na Acta de Infracción é a mínima, que ascende a 40.985 €, en lugar dos 819.480 € que a lexislación prevé no seu grao máximo.
Compre destacar que para a graduación da sanción, de conformidade coa Lei de Infraccións e Sancións na Orde Social, deberanse ter en conta factores como a "perigosidade das actividades, carácter permanente ou transitorio dos riscos, número de traballadores afectados, ou gravidade dos danos producidos" (artigo 39.3 da LISOS).
Para a CIG de Ourense, "resulta polo tanto bochornoso que un accidente que causa unha morte e varios feridos graves; que provoca o derrube de varios piares dun xigantesco viaduto; e que se da nun sector cunha actividade especialmente perigosa; reciba unha sanción no seu grao mínimo. Máxime tendo en conta a entidade e magnitude das empresas principais (ou quizais por iso mesmo)".
A sanción proposta recae sobre as empresas principais e a subcontrata solidariamente, se ben exclúe a ADIF.
Insensibilidade da mutua e pasividade das Administracións
A cualificación como "LEVE" do grao das lesións sufridas polos catro traballadores feridos (algúns con lesións na cabeza, en estado de inconsciencia ou coa rótula aberta) por parte da mutua FREMAP, non só non foi explicada por esta, senón que non houbo ningún tipo de sanción nin investigación por parte da Autoridade Laboral -aínda sendo solicitada pola CIG- así como tampouco houbo, que se saiba, advertencia aos facultativos da mutua que diagnosticaron dito grao de levedade, a pesares de estar ingresados os feridos en diversos centros hospitalarios e de constar as súas lesións, cando menos en dous dos casos, como GRAVES.
Non se aprendeu a lección en materia de seguridade
Aínda hoxe se están incumprindo as normas en materia de xornada laboral, con grandes excesos horarios todos os días e con traballo en domingos e festivos, que aumentan a posibilidade de que se produza un accidente.
Esta cuestión foi denunciada pola CIG ante a Inspección o pasado 24 de xuño, sen que até o día de hoxe se teña resposta das actuacións realizadas. Tamén foi posta en coñecemento da propia garda civil do Carballiño, por parte dun ex-traballador dunha das empresas principais que construían o viaduto derrubado.
Non hai reacción: volveu a pasividade
Se ben nos primeiros momentos houbo reunións entre as Administracións implicadas e as Centrais Sindicais, non se teñen producido actuacións importantes tendentes a reducir os accidentes laborais. Nin tan sequera actuacións que veñen recollidas en documentos e estratexias consensuadas por todas as partes implicadas, como a promoción da figura dos Delegados Territoriais de Prevención nas grandes obras de construción.
Tampouco se ten mantido no tempo, a pesares do compromiso inicial, o traballo conxunto entre Autoridade Laboral, Inspección, Fiscalía e Sindicatos, tal e como se fai en moitas outras partes do estado español.
A CIG renova o seu compromiso
Desde a CIG anuncian que "continuaremos a cumprir o noso compromiso de defensa dos traballadores e traballadoras, tamén desde a defensa da súa seguridade e saúde no traballo, polo que manteremos o noso traballo de información e concienciación, pero tamén o nivel de denuncia que sexa preciso das irregularidades que detectemos.
Por último, esixen que "ese compromiso sexa tamén asumido tamén polas partes implicadas, tanto polas empresas como polas diferentes administracións".