Na apertura do congreso, Adao Mendes, Coordenador da USB, describiu nunha pormenorizada panorámica a difícil situación social, laboral, económica e industrial que atravesa a área de Braga. Acusou ao goberno de aplicar unha política económica ditada polos axiomas neoliberais e de ignorar as necesidades das clases populares.
En referencia aos cambios que o Goberno portugués está impulsando para modificar o “Código de Trabalho” (equivalente ao español Estatuto dos Traballadores), A. Mendes subliñou que:
“1- acentúan o desequilibrio d aposición dos trabalhadores nas relacións de traballo
2- actúan sobre os conceptos de tempo de traballo
3- diminúen as retribucións dos traballadores
4- incentivan a política de baixos salarios e inducen a súa rebaixa
5- institúen o banco de horas, flexibilizan os horarios, desarticulan a vida persoal e familiar
6- aumentan as precariedades, as discriminacións e as limitacións de dereitos, o que obstaculiza moi gravemente a cualificación e o progreso profesional
7- reducen as pensións de xubilación e as funcións sociais do Estado.”
Fronte a todo isto a CGTP/IN está a mobilizar aos traballadores e traballadoras con asembleas, concentracións, manifestacións e folgas. Diversas Tribunas Públicas están previstas para todo Portugal nos próximos días (o xoves 9 vaise celebrar unha delas na Praza da República no Porto) como un ha forma mais de combate e sensibilización. A loita que a CGTP está a levar para impedir a modificación parlamentaria do Código de Trabalho vaise intensificar, pasando por:
- “Rexeitar o contido desta proposta de alteración da lexislación laboral, pola gravidade que ela representa para a vida dos traballadores e polo retroceso económico e social que causaría ao país;
- Continuar a loita de masas, con vistas a impedir a destrución dos dereitos dos traballadores e da contratación colectiva, reivindicando a efectivización dos dereitos e a melloría das condicións de vida e de traballo;
- Defender e promover a Contratación Colectiva, como factor de desenvolvemento asociado á conquista de dereitos laborais e sociais, redución das desigualdades, mellores salarios, redución de horario de traballo, mellores condicións de hixiene e saúde no traballo, dereito á formación profesional e ao progreso social.”
O congreso fixo varias modificacións estatutarias tendentes a simplificar e facer máis operativa a dirección sindical, reducindo o número dos seus integrantes de 47 para 30.
Adao Mendes resultou reelixido Coordenador para os próximos catro anos.
Xerardo Abraldes, saudou ao congreso en nome da CIG. Na súa intervención agradeceu o apoio da CGTP ás nosas demandas de integración como membros de pleno dereito nos organismos e institucións transfronteirizas con presenza sindical (CSI, EURES...), deu a coñecer as mobilizacións previstas para o 7 de outubro e para o mes de novembro e denunciou a xudicialización e criminalización da actividade sindical. A súa intervención rematou felicitando á nova dirección e desexándolles éxito no seu labor.