Placer Vila explicou que "a Secretaria da Muller da CIG ten un empeño grande na formación en materia de xénero dos e das axentes claves da central sindical que son as delegadas e delegados sindicais dentro das empresas para darlles ferramentas e potenciar a analise e a inclusión da perspectiva de xénero como traballo transversal dentro da acción sindical. Isto queremos que non sexa só unha cuestión de discurso político senón no ámbito prático e no nivel de intervir sindicalmente nas empresas, creando novas ferramentas de traballo sindical".
Nese sentido engadiu que "por unha parte se vai tentar potenciar a participación das mulleres dentro do sindicato, e para poder participar hai que tomar consciencia do problema de segregación que existe e da diferencia que pode haber entre homes e mulleres tanto na vida sindical como na vida laboral, polo que as xornadas de formación son claves. Hai un intento de organizar periódicamente xornadas de formación que potencian esta concienciación".
Mércores 8 de outubro en Panxón
Unha destas citas vai ser o mércores 8 de outubro en Panxón. Ester Mariño, técnica de Igualdade da CIG de Vigo explica que "a convocatoria de subvencións de Vicepresidencia deunos a oportunidade de organizar estas xornadas, que digamos que ten como novidoso é o carácter lúdico e distendido co que se organizan. Máis que unhas xornadas de formación nas que se van impartir cursos tipo aulas maxistrais ou nas que unha docente tenta explicar conceptos ou materias ás persoas que asisten, nós o que tentamos facer é un punto de encontro, convivencia e participación, que axude a facer un analise da realidade e desde a situación particular que cada persoa vive no seu centro de traballo e na súa vida. Por iso tamén escollemos a residencia de tempo libre de Panxón porque é un espazo agradábel para potenciar este tipo de encontros".
Inauguración ás dez da mañá con Xerardo Abraldes e Carme Adán
A inauguración desta xornada será ás dez da mañá, e nela participarán o secretario comarcal da CIG de Vigo, Xerardo Abraldes, e Carme Adán, Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galiza. Despois desta sesión de apertura comezarán catro obradoiros simultáneos con temáticas diversas como a implantación de plans de igualdade dentro das empresas, un curso de autodefensa feminista, así como outros debates sobre roles e estereotipos no campo laboral ou novos horizontes no cotiá como o multiculturalismo, xénero e clase.
Á tarde haberá unha actuación teatral, que será un espectáculo de cabaret, protagonizado por Clara Gayo e Pepa Yáñez, no que se vai analizar desde o humor cal é a realidade de homes e mulleres no mercado laboral.
Espazo de encontro e coñecementos
A técnica de igualdade de Vigo salientou en último lugar que nesta xornada se "tentarán potenciar actitudes de encontro, diálogo, coñecementos e dotármonos de ferramentas práticas que logo se podan utilizar no traballo tanto sindical como non sindical, xa que neste encontro, ademais de delegadas e delegados sindicais, e persoas afiliadas á central sindical, van participar persoas que traballan no ámbito da igualdade e mesmo xente interesada non afiliada que chamou para asistir".