A Unión Comarcal considera que a presenza dos reis de España este día en Ferrol é un insulto á clase traballadora galega e á memoria das vítimas da represión de 1972. “Foi o franquismo quen nomeou o monarca como sucesor”, recorda o secretario comarcal, Xesús Anxo López Pintos.
As reclamacións do Marco Galego de Relacións Laborais e da soberanía nacional estarán presentes con forza na manifestación do 10 de Marzo, así como a reivindicación de salarios dignos e a denuncia da carestía da vida. A este respecto, a CIG-Ferrol manifesta que quen sofren as consecuencias da precariedade e dos prezos elevados “son as familias reais e non a que nos vai visitar o 10 de Marzo, que vive do Estado e dos contribuíntes”.
A programación do 10 de Marzo en Ferrol complétase cunha asemblea de delegados e delegadas ás 10:00 e coa ofrenda floral, ás 11:30, perante a estatua de Amador e Daniel, os dous operarios da Bazán asasinados pola policía española en 1972.