marco
A Coruña, 6/6/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Concentración do comité de empresa da Cruz Vermella de A Coruña (06-06-2008).
As rúbricas van dirixidas á Xunta, Deputación e Concello

Os empregados da Cruz Vermella logran reunir 2.000 sinaturas de apoio

O comité de empresa provincial da Cruz Vermella de A Coruña rexistrou, o 6 de xuño no Edificio Administrativo da Xunta na cidade, as dúas mil sinaturas de apoio que recolleu nas últimas semanas e que solicitan a dignificación dos salarios dos traballadores da institución.
Alba Pardo, presidenta do comité da Cruz Vermella de A Coruña, cos pregos de sinaturas na man antes de entrar no Edificio Administrativo da Xunta na cidade (06-06-2008).

As rúbricas, acompañadas dunha carta na que se explican as súas reivindicacións, van dirixidas ao presidente e vicepresidente da Xunta, ao alcalde coruñés e ao presidente da Deputación provincial.

Carta do comité de empresa da Cruz Vermella ás diferentes administracións:

A Coruña, a 5 de xuño de 2.008

Estimado Señor:

Dirixímonos a vostede para pór no seu coñecemento que as traballadoras e traballadores da Cruz Vermella na Coruña (profesionais da acción e intervención social que realizamos unha importante labor no eido social, sanitario, asistencial, etc.) e que aspiramos, coma calquera outro/a profesional, a poder vivir dignamente do noso traballo, levamos desde principio de ano negociando un novo convenio colectivo provincial.

Despois de case seis meses agardando a que a Dirección da Cruz Vermella na Coruña dese algún paso na liña de dignificar os salarios que vimos percibindo (moi inferiores ás que se cobran noutras delegacións desta ONG e que en moitos casos raian o salario mínimo interprofesional), desde o Comité de Empresa denunciamos a situación de enquistamento do proceso negociador. Neste intre a negociación atópase estancada ante a rotunda negativa da Empresa por mellorar as retribucións que se perciben na Coruña e reducir a precariedade salarial que sofren as súas empregadas e empregados. A directiva considera que unha suba de 3 euros brutos nun soldo de 601 euros é unha “mellora real do poder adquisitivo” pretendendo ademais conxelar o complemento de antigüidade que é case a única vía pola que as e os traballadores ven medrar os seus ingresos. Ante a rotunda negativa das traballadoras e traballadores a aceptar estes miserábeis incrementos, a empresa realiza outra proposta que aínda é inferior a esta primeira.

De cara a dar maior visibilidade e sensibilizar á opinión pública e aos diferentes poderes públicos aos que á Cruz Vermella na provincia da Coruña presta os seus servizos, o Comité de Empresa co apoio do cadro de persoal puxo en marcha unha campaña de recollida de sinaturas con gran acollemento entre a cidadanía. Esta iniciativa conta actualmente con preto de 2.000 sinaturas que dan mostra da preocupación da poboación ante a evolución do conflito e as súas posibles repercusións.

Polo tanto, coa entrega das sinaturas recollidas, o Comité de Empresa da Cruz Vermella na Coruña quere poñer no seu coñecemento o conflito laboral que vivimos e solicitarlle a súa intervención e a súa intermediación ante a Dirección da Entidade para evitar que continúe esta situación.

Quedamos a súa enteira disposición para manter unha xuntanza.

Atentamente,

Alba Pardo Servia

Presidenta do Comité de Empresa de Cruz Vermella A Coruña