marco
Vigo, 6/6/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
: horarios : : Rafer :
Desde maio a dirección cambioulle as quendas

Os traballadores de Rafer concéntrase para reclamar que se respecten os seus horarios

Os traballadores de Rafer, unha empresa do Metal de Vigo, comezaron a mobilizarse o venres 6 de xuño en contra do cambio de horario que lles impuxo a empresa, e que obriga a estes traballadores, que sempre tiveron dúas quendas, unha de mañá e outra de tarde, a realizar desde maio unha xornada partida.

Estes máis de vinte traballadores, que realizan traballos de chapa, pintura e mecánica, viron como se vulneraban os seus dereitos cando tivo lugar un cambio na xerencia, que decidiu mudar repentinamente os seus horarios e sen ningunha negociación cos traballadores.

Desde maio estes traballadores, que tiñan dúas quendas que realizaban en semanas alternas unha e outra, (de 7 a 15 h, e de 15 a 23h), pasaron a ter xornada partida (9 a 13.30 e de 15.30 a 19).

Este cambio provoca problemas de espazo tanto nos vestiarios, como nas cabinas para pintar, e é que pasaron a estar os vinte e dous traballadores ao mesmo tempo sen estar o centro de traballo habilitado para estas mudanzas.

Presentada denuncia

Os traballadores decidiron presentar unha denuncia diante do Xulgado do Social por esta perda de dereitos e este cambio de horario inxustificado. O xoves 12 de xuño terá lugar, ás 12 da mañá, o xuízo, que foi aprazado en anteriores ocasións, xa que os traballadores tentaron chegar a un acordo coa empresa de todos os xeitos posíbeis, pero foi imposíbel pola actitude tan pechada da nova xerencia.

Mobilizacións a diario

Os traballadores comezaron o venres 6 de xuño cunha concentración as mobilizacións que realizarán até o día do xuízo. Mobilízanse durante a súa "nova" hora de xantar, de 13.30 a 15.30, diante da empresa.