Para os traballadores é incomprensíbel que se siga sen avaliar a súa proposta de cambio de trazado e que se manteña o argumento, por parte do Ministerio de Fomento, de que con iso se atrasarían as obras do Tren de Alta Velocidade. Máis cando, casualmente, ese mesmo día a súa titular, Magdalena Álvarez, non se atrevía nin a augurar cando poderían rematar as obras asegurando que cada vez que lle falan de prazos se lle poñen os pelos de punta.
Ante estas declaracións e cos últimos datos do Ministerio confírmase, segundo o secretario comarcal da CIG de Compostela, Anxo Noceda, o que se vén dicindo desde as centrais sindicais e desde os comités de empresa nestes últimos anos: que se as obras se atrasaban non sería por mor do cambio de trazado ao seu paso pola mina senón por outras causas que agora se poñen de manifesto. “Chegaron a insinuar que mesmo o mal tempo podería atrasar en catro anos os prazos previstos incialmente. Todo desculpas”.
Noceda insiste na necesidade de cambiar o trazado porque, dadas as circunstancias, xa non hai causa algunha que xustifique a obcecación do Ministerio por mantelo. De feito habería tempo dabondo porque desde Fomento sitúan a comunicación entre as capitais de provincia no horizonte do 2020.
Para o secretario comarcal da CIG é imprescindíbel que se garanta a viabilidade da mina e dos proxectos industrias das plantas de Ferroatlántica de Cee e Sabón. Proxectos que dependen, en grande medida, do silicio solar que se podería extraer dos xacementos que quedarán soterrados se se mantén o trazado actual e, en consecuencia, inhabilitados.
Anxo Noceda cuestiona tamén o posicionamento tanto do Parlamento como da propia Xunta de Galiza que “miran para outro lado mentres Fomento mantén os seus plans, e non están a exixir os informes que constatan as denuncias dos traballadores e das centrais sindicais CIG e UGT”.
Noceda lembra que se está a falar dunha infraestrutura vital para o país, cando do que se trata realmente é “dun tren de viaxeiros e, en ningún caso, mercadorías, polo tanto, cómpre preguntarse se realmente se trata dunha infraestrutura tan fundamental para o país”.