marco
A Coruña, 6/8/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
O paro indefinido comezará ás 23:59 horas do 8 de agosto

Haberá folga en Cedeira na recollida do lixo e limpeza viaria

CIG-Servizos de Ferrol convocou unha folga indefinida no servizo de recollida do lixo e limpeza viaria do Concello de Cedeira, que comezará ás 23:59 horas do 8 de agosto. As reivindicacións pasan por rematar coa discriminación salarial entre o persoal contratado e o subrogado do Concello. Os primeiros están a cobrar pouco máis do salario mínimo interprofesional.
Celta Prix.

Comunicado emitido pola CIG-Servizos de Ferrol:

A privatización dos servizos públicos, que neste caso veu da man do anterior Goberno municipal do Partido Popular, trouxo consigo como sempre a precarización das condicións laborais en canto a salarios e a condicións xerais de traballo do persoal. Isto traduciuse na conservación das condición laborais de catro persoas, subrogadas do Concello, e pola contra o persoal contratado de novo por CeltaPrix, empresa concesionaria do servizo, vén cobrando pouco máis que o salario mínimo interprofesional, co que se dá a circunstancia de que un peón dos que foron subrogados do Concello veña cobrando máis que un condutor contratado por Celtaprix.

Entendemos que ningunha persoa sensata pode considerar xusto que, por unha banda, o Concello privatizara o servizo para en teoría “aforrar cartos” e, por outra, a empresa Celtaprix contrate o persoal nunhas condicións totalmente precarias. O resultado é que o persoal, como sempre, paga as consecuencias e, aínda por riba, se pretende facer ver á opinión pública que as súas reivindicacións son esaxeradas ou que a actitude dos traballadores causa algún prexuízo ao conxunto da poboación. Semella cando menos incríbel a pouco que se analicen os feitos.

O único que está a pedir o persoal é algo tan simple como que todos os peóns cobren igual e que todos os condutores cobren o mesmo, así como un sistema de promoción interno que permita mellorar os salarios do persoal. Alguén pode xustificar algo que sexa distinto a IGUAL TRABALLO IGUAL SALARIO? Nós entendemos que evidentemente NON.

Estamos a falar dunha equiparación salarial que non se pode considerar máis que de pura e simple xustiza. Esta “xustiza” a empresa CeltaPrix di que non a pode asumir. Xulguen vostedes:

A empresa embólsase ao ano, só dos cartos públicos, máis de 377.000 euros ( ano 2006) coas súas subas correspondentes. Este acto de xustiza suporía un desembolso de 23.000 euros anuais no ano 2008 e a mesma cantidade no 2009, de xeito que todo o mundo tivese as mesmas condicións laborais na mesma empresa. Diso é do que estamos a falar.

A empresa semella non ter interese ningún en chegar a acordos, dando evasivas e negándose a negociar de boa fe, rachando de facto a mesa de negociación, e actuando de xeito irresponsábel. Todo isto diante dunha posición de mero espectador, na práctica, do Goberno municipal.